Máis de 600 persoas enchen o Mosteiro de San Xoán para gozar dunha gala lírica
Por Redacción
Máis de 600 persoas asistiron este martes 20 de agosto ao Mosteiro de San Xoán en Poio para presenciar un recital lírico en homenaxe a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti.
A cita inclúese dentro da xira que se desenvolve polas Rías Baixas do espectáculo 'Querida Montserrat, Querido Luciano'.
O concerto, que durou dúas horas, contou coa actuación de Montserrat Martí Caballé, que cantou en recordo á súa nai, e de Simona Todaro Pavarotti, que homenaxeou ao seu tío.
Ambas estiveron acompañadas polo barítono Luis Santana, a soprano lixeira Dolores Crespo Abuin e o pianista Víctor Carbajo.
O evento, celebrado na igrexa do Mosteiro, espertou o interese tanto de veciños de Poio como de visitantes doutros concellos da provincia.
Interpretáronse fragmentos de coñecidas óperas, zarzuelas e cancións populares como 'O Sole Mío', 'Caruso', 'Ave María' e temas moi populares como 'Hijo de la luna', 'Libre' ou a galega 'Negra Sombra' de Rosalía de Castro.
O alcalde Ángel Moldes cualificou de "excepcional" o evento.
Moldes agradeceu a colaboración da Deputación de Pontevedra e do Mosteiro de San Xoán por promover actividades culturais que, afirmou, contribúen a facer de Poio un concello atractivo para os amantes da música.
Relacionadas:
-
O exterior do templo antigo de Marín acollerá este xoves a homenaxe a Caballé e Pavarotti
Por Redacción |
-
"Backstage" na casa de Carmiña para render tributo a Caballé e Pavarotti en Carballedo
Por Redacción |
-
Poio e Marín acollerán o espectáculo lírico homenaxe a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti
Por Redacción |
-
Música, teatro, cine e contacontos para todos os recunchos de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
A ópera soará nas Festas de San Roque cun tributo a Pavarotti e a Montserrat Caballé
Por Redacción |