"Matria" estará nos Goya 2024: María Vázquez e o seu director, Álvaro Gago, entre os candidatos
Por Alejandro Espiño
A película Matria, oito meses despois da súa estrea en salas, segue acaparando recoñecementos. O filme, producido pola compañía pontevedresa Matriuska Producciones, acaparou dúas candidaturas aos Premios Goya 2024.
Así o anunciaron este xoves os actores Luis Tosar e Anna Castillo, os encargados de desvelar as candidaturas aos premios máis prestixiosos do sector cinematográfico español.
Unha destas candidaturas, a da actriz María Vázquez, dábase por seguro. O seu papel como Ramona en Matria xa lle reportara grandes éxitos, entre eles o premio á mellor actriz no Festival de Málaga ou a candidatura aos Premios Feroz, ademais de excelentes críticas.
Vázquez será unha das cinco candidatas ao Goya á mellor actriz, categoría que compartirá con Patricia López Arnaiz (20.000 especies de abejas), Malena Alterio (Que nadie duerma), Carolina Yuste (Saben aquell) e Laia Costa (Un amor).
A segunda candidatura para Matria é a do seu director Álvaro Gago, que optará ao Goya ao mellor director novel coa que é a súa primeira longametraxe.
No seu caso, competirá con Estibaliz Urresola Solaguren (20.000 especies de abejas), Itsaso Arana (Las chicas están bien), Alejandro Marín (Te estoy amando locamente) e Alejandro Rojas e Juan Sebastián Vásquez (Upon Entry).
O audiovisual galego tamén estará representado nos Goya 2024 con Janet Novas, a actriz protagonista de O Corno, que será candidata ao premio á mellor actriz revelación.
Xunto a ela optarán a este recoñecemento Xinyi Ye e Yeju Ji (Chinas), Clàudia Malagelada (Creatura) e Sara Becker (La contadora de películas).
Os Premios Goya 2024 entregaranse o próximo 10 de febreiro nunha gala que se celebrará en Valladolid.
Relacionadas:
-
Pontevedra premia a "unha muller que brilla con luz de seu" e unha empresa que a sitúa "no mapa da cultura"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
VÍDEO.- Teresa Abelleira e Daniel Froiz agradecen o recoñecemento desde a distancia
Por Natalia Puga |
-
RADIO.- E que fai un produtor de cinema?... responde o Premio Cidade de Pontevedra, Daniel Froiz
Por Redacción |
-
Os Cidade de Pontevedra 2023 recoñecerán a Teresa Abelleira e a Matriuska Producciones
Por Alejandro Espiño |
-
O ano no que os festivais e os eventos culturais volveron encher Pontevedra
Por Redacción |
-
Culturgal repasará o audiovisual galego analizando os éxitos de 'O Corno' e 'Matria'
Por Redacción |
-
María Vázquez, candidata aos Premios Feroz polo seu traballo en "Matria"
Por Alejandro Espiño |
-
Gran acollida no Principal á proxección especial de 'Matria'
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
María Vázquez: "Se non tes case para vivir, non tes liberdade para tomar decisións e saír de entornos tóxicos"
Por Alejandro Espiño |