Ponte Caldelas reformará o paseo da Calzada de forma integral e incorporará carril-bici
Por Redacción
Case 100.000 euros investirá o Concello de Ponte Caldelas na reforma integral do paseo da Calzada, unha das zonas máis emblemáticas do municipio. Con este proxecto, o goberno municipal espera corrixir o seu abandono cun asfaltado integral, a reparación das beirarrúas e a dotación dun carril-bici ao longo dos máis de 900 metros que separan a ponte e a praia.
O pleno de Ponte Caldelas aprobou a proposta de modificación orzamentaria impulsada polo goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) para xerar un crédito orzamentario novo a partir dos remanentes producidos polos aforros na xestión municipal deste ano. O asunto saíu adiante coa abstención do Partido Popular.
O alcalde, Andrés Díaz, explicou que o Concello inicia agora o expediente para a contratación dunha obra que estará adxudicada despois do verán. Comezará co fresado parcial do asfalto e a aplicación dunha nova capa de rodaxe de catro centímetros de grosor. Incluirá varios lombos redutores de velocidade e un pintado integral de todo o viario. As obras servirán tamén para reparar a beirarrúa e os seus bordos de pedra.
O cambio máis substancial chegará coa incorporación dun carril-bici con dobre sentido e que vai supoñer unha mellora importante na mobilidade e na seguridade viaria.
Esta obra vén sumarse á próxima posta en marcha do Sendeiro Azul. Unha ruta circular de 8,3 quilómetros sobre camiños de pescadores nas beiras do río Verdugo que complementa a bandeira azul da praia fluvial da Calzada. O sendeiro azul, que será o primeiro de interior de toda España, está pendente das últimas actuacións, entre elas a reparación dos pasos da Fraga.
"Queremos abrir todo un abano de novas posibilidades para os veciños e visitantes aproveitando o noso enorme potencial paisaxístico e etnográfico ao redor do río Verdugo e para iso necesitamos un paseo en óptimas condicións, carril-bici, praia e sendeiro, todo ben interconectado e en boas condicións", concluíu o alcalde.
Por outra banda, a sesión plenaria de onte volveu estar marcada pola unanimidade. Todos os asuntos da orde do día foron aprobados. A meirande parte deles por acordo das catro forzas políticas da corporación.
Saíron adiante as tres mocións tratadas: para reclamar a apertura da Casa da Quintán como centro de maiores (unanimidade), a realización de obras de conservación por parte da Xunta de Galicia na área arqueolóxica de Tourón (unanimidade) e sobre a non utilización de herbicidas químicos, baseados no glisofato, nas beiras dos viais públicos (abstención do PP).
O Pleno tamén aprobou, por unanimidade, manter os dous festivos locais nas datas habituais, é dicir, o Mércores de Cinza, 1 de marzo, e o mércores da Virxe dos Dores, 30 de agosto.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas estrea carril bici entre o centro urbano e a praia da Calzada
Por Redacción |
-
Os caldeláns estrean o Sendeiro Azul cunha andaina popular
Por Redacción |
-
Andaina popular para estrear o sendeiro azul de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas contará cun carril-bici no paseo da praia da Calzada
Por Redacción |
-
O sendeiro azul do río Verdugo estará operativo a finais de xullo
Por Redacción |
-
A ponte da Calzada estrea iluminación
Por Redacción |