Os caldeláns estrean o Sendeiro Azul cunha andaina popular
Por Redacción
Algo máis de tres horas tardou o numeroso grupo de veciños de Ponte Caldelas que este domingo estreou o Sendeiro Azul do río Verduxo, complemento da bandeira azul da praia da Calzada. A ruta circular de 8,3 quilómetros polas beiras do leito fluvial está predestinada a convertirse nun fito do sendeirismo en toda Galicia.
A andaina partiu ás 11 horas do Balneario e contou coa presenza do goberno local de Ponte Caldelas, formado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG. Entre os presentes figuraba o alcalde, Andrés Díaz; os tenentes de alcalde, Alfonso Gutiérrez e Lito Muíños, e os concelleiros Pilar Couto e Manuel Barreiro. Durante o percorrido tiveron ocasión de comprobar o resultado da limpeza realizada e da restauración dos distintos elementos patrimoniais.
Ponte Caldelas reforza así a súa aposta polo turismo verde cun produto moi singular. O sendeiro azul completa o seu atractivo paisaxístico e natural con elementos etnográficos moi valiosos, entre eles varios muíños, fontes, un peto de ánimas e, o que quizais é o seu aspecto máis significativo, os pasos de Portasouto, da Larpea e de Porta de Abaixo. Trátase dunhas estruturas seculares que os veciños utilizaban para cruzar o río e que foron completamente restauradas. Destaca tamén a corredoira de Sorreira.
O de Ponte Caldelas é o primeiro sendeiro azul de interior de toda España gracias a unha iniciativa emprendida polo Concello. Supuxo unha complexa tramitación diante da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), organismo europeo que concede os distintivos bandeira azul, e diante da Deputación de Pontevedra, que concedeu unha subvención de 13.000 euros para acometer parte das obras necesarias. Os sendeiros azuis son rutas de sendeirismo que enlazan coas praias recoñecidas con bandeira.
O proxecto tramitado por Ponte Caldelas para a homologación da ADEAC incluíu a elaboración dun proxecto técnico, un traballo de campo sobre as características da ruta, inventario dos seus elementos e un informe sobre as obras brandas a realizar para a limpeza de especies invasoras e colocación de fitos e sinais indicativas.
Relacionadas:
-
Sendeiros en Rede, a aposta de Ponte Caldelas polo "turismo verde"
Por Redacción |
-
Andaina popular para estrear o sendeiro azul de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas reformará o paseo da Calzada de forma integral e incorporará carril-bici
Por Redacción |
-
O sendeiro azul do río Verdugo estará operativo a finais de xullo
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas reforza a súa aposta polo turismo de natureza
Por Redacción |