O sendeiro azul do río Verdugo estará operativo a finais de xullo
Por Redacción
Nun prazo aproximado dun mes o concello de Ponte Caldelas estreará un complemento para a praia fluvial como vai ser o primeiro sendeiro azul de interior de toda España.
Trátase dunha ruta circular de algo máis de oito quilómetros que parte da praia e do balneario e que transcorre polas beiras do río Verdugo enxalzando así os seus valores naturais e paisaxísticos, entre os que sobresaen elementos da etnografía popular como as pontellas e os muíños. Unha vez que rematen as labores que xa están en execución, a ruta estará adecuadamente sinalizada e contará tamén con paneis didácticos sobre a flora e a fauna.
O alcalde Andrés Díaz destacou que coa incorporación do sendeiro azul, Ponte Caldelas gañará peso como epicentro do turismo verde e de natureza, un aspecto do que se vai beneficiar especialmente a hostalería local, pois a ruta iníciase e remata na propia vila.
Ponte Caldelas gañará peso como epicentro do turismo verde e de natureza
O rexedor acompañado dos tenentes de alcalde Enrique Vidal, Alfonso Gutiérrez e Lito Muíños, procedeu este venres á cerimonia simbólica para dar comezo á temporada de baño izando a bandeira azul na praia fluvial da Calzada.
A enseña foi entregada semanas atrás polos responsables da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), que xestiona as bandeiras azuis en España e controla as condicións de calidade ambiental e prestación de servizos necesarios. ADEAC realizou unha inspección sorpresa da calidade da auga meses atrás e os resultados foron óptimos, segundo lle comunicaron oficialmente ao Concello de Ponte Caldelas.
A praia fluvial está xa totalmente acondicionada, unha vez que se instalou a cadeira de vixiancia dos socorristas, as boias, os indicadores de profundidade para os bañistas, os colectores de lixo e e puxo en servizo a caseta dos servizos hixiénicos, na que foi preciso realizar importantes reparacións por mor dos actos vandálicos producidos durante o inverno. O servizo de socorristas estará operativo ata o remate do mes de agosto.
O servizo de socorristas estará operativo ata o remate do mes de agosto
O alcalde anunciou que o Concello está agora a traballar para solucionar o remate da concesión para a explotación do kiosko, que se produciu o 25 de xuño pasado. A persoa titular da autorización municipal renunciou hai pouco a unha prórroga, o que obrigou a iniciar un procedemento administrativo para unha nova adxudicación. Andrés Díaz lamentou que o remate do prazo da concesión se fixera coincidir co inicio do verán, o que cualificou como un erro do anterior goberno local. Diante desta situación, o alcalde deu instrucións para axilizar o procedemento administrativo ao máximo co obxectivo de que o kiosko poda estar operativo en dúas semanas.
Relacionadas:
-
Os caldeláns estrean o Sendeiro Azul cunha andaina popular
Por Redacción |
-
Andaina popular para estrear o sendeiro azul de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas reformará o paseo da Calzada de forma integral e incorporará carril-bici
Por Redacción |
-
A ponte da Calzada estrea iluminación
Por Redacción |
-
A contorna da praia da Calzada xa está "en perfecto estado" de cara ao verán
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas reforza a súa aposta polo turismo de natureza
Por Redacción |