Ponte Caldelas contará cun carril-bici no paseo da praia da Calzada
Por Redacción
A praia fluvial da Calzada, única en toda España destas características con bandeira azul, lograba este verán un incremento de afluencia de visitantes sobre todo durante os fins de semana.
Segundo o goberno local de Ponte Caldelas, ao redor do 60% dos usuarios foron visitantes procedentes de fóra do municipio. Detectouse a presenza de numerosos bañistas portugueses e tamén de Vigo e de Pontevedra.
O Concello, gobernado por Andrés Díaz a través dunha coalición entre o PSdeG-PSOE, AVP e BNG, recibiu o informe de avaliación da asociación Adeac, que xestiona as bandeiras azuis. Nese documento realízanse recomendacións menores para renovar os sinais e pon en valor o mantemento deste espazo natural.
O goberno local ten previsto actuar nesta zona coa entrada en servizo do Sendeiro Azul, unha ruta circular de 8,3 quilómetros polas beiras do río que permitirá complementar a experiencia do baño no río Verdugo. Só falta a instalación de sinais indicadores do camiño e das especies botánicas e os detalles etnográficos da zona. Nas próximas semanas, o Concello ten previsto organizar un acto oficial de inauguración desta ruta.
A outra gran mellora será a remodelación completa do paseo da Calzada, cun asfaltado integral, consolidación das beiras e espazos de aparcadoiro, ademais da dotación dun carril-bici, que supoñerá un cambio na mobilidade na zona. O viario, de case un quilómetro de lonxitude, contará con badenes reductores de velocidade.
A obra executarase antes de fin de ano e está previsto que a praia conte cun areal que se sumará á zona actual destinada a tomar o sol.
Relacionadas:
-
O carril bici do paseo da Calzada executarase na primavera
Por Oskar Viéitez |
-
Andaina popular para estrear o sendeiro azul de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas recibe unha achega da Deputación para a reforma enerxética na zona da Calzada
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas reformará o paseo da Calzada de forma integral e incorporará carril-bici
Por Redacción |