Pontevedra e Cerceda ven as caras nun partido a vida ou morte
Por Diego Espiño
O partido deste domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón adquire aires dramáticos para Pontevedra e Cerceda, conxuntos que non saben o que é gañar nos últimos meses e que se viron relegados á loita por evitar o descenso de categoría.
Os granates acumulan 11 xornadas sen coñecer a vitoria e no medio dun proceso de cambio buscarán tres puntos reparadores ante o actual pechacancelas da categoría, ao que avantaxan en catro puntos. Está prohibido fallar ante unha afección que espera ao fin unha reacción nun encontro que supón ademais un exame para Luismi, xa que podería marcar o seu futuro no banco pontevedrés.
O técnico conta con todo o plantel dispoñible para a cita ante a intención de Añón e Berrocal de forzar a pesar de chegar con molestias físicas, mentres que Adrián León regresa tras un partido de sanción.
Precisamente este último apunta ao once inicial para reforzar o centro da defensa, liña na que parece estrearase a recente fichaxe do equipo, Nacho López, mentres segue no aire a chegada de máis reforzos.
Neste aspecto quedaron fóra da convocatoria xogadores como Bruno Rivada, Etxániz, Carlos Ramos ou Prosi, dando pistas nalgúns casos sobre a lista de posibles saídas.
Pero se as cousas son complicadas en Pontevedra, non lle van mellor ao Cerceda, que se desinflou tras o seu bo arranque de liga e chega a Pasarón despois de oito derrotas consecutivas e 16 encontros sen gañar.
Os de Tito Ramallo falan de 'final' á hora de definir o choque coa intención de non desengancharse da pelexa pola permanencia. O equipo coruñés viaxa a Pontevedra nunha semana na que anunciou dúas incorporacións, o gardameta Ángel Díez (Leioa) e o dianteiro David Álvarez (Rápido de Bouzas).
O colexiado do encontro será Pablo Fernández Pérez, da delegación territorial asturiana, co que se cruzou por última vez a pasada campaña no encontro de ida da fase de ascenso a Segunda División ante o Murcia (1-3).
Relacionadas:
-
Algo máis que tres puntos para o Pontevedra que respira gañando o Cerceda (2-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Berrocal e Añón seguen entre algodóns pero apuntan ao Cerceda
Por Diego Espiño |
-
Roberto Feáns puxo o seu cargo a disposición do club no mes de decembro
Por Diego Espiño |
-
Incorporar dous centrais, prioridade do Pontevedra antes do peche do mercado
Por Diego Espiño |
-
Lamentable imaxe na primeira parte dun Pontevedra que toca fondo en Bouzas (2-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |