Reunión técnica na Deputación para abordar as melloras nas estradas provinciais de Moraña
Por Redacción
O alcalde de Moraña, Sito Gómez, mantivo este xoves un encontro de carácter técnico na Deputación Provincial de Pontevedra para abordar as melloras integrais que precisan as estradas EP-0503 Mane-Rebón e a EP-8201 Santa Xusta-Pontellas, que son "as dúas prioridades en materia de infraestruturas para este mandato".
O rexedor, que acudíu acompañando pola tenente de alcalde, Luisa Piñeiro, reuníuse coa deputada responsable de Infraestruturas, Isabel Couselo, e con responsables técnicos deste departamento provincial para seguir avanzando na tramitación previa e os traballos burocráticos apenas unhas semanas despois de tratar este asunto co presidente da Deputación, Luis López.
"Para o noso goberno a mellora destas dúas vías provinciais é fundamental para dar respostas ás necesidades dos nosos veciños e para ter as nosas vías nas mellores condicións para a circulación e para a seguridade viaria e por iso estamos traballando moito desde o primeiro minuto deste mandato", explicou o alcalde de Moraña.
O rexedor apuntou que a estrada de Mane-Rebón "é posiblemente a que peor se atopa de toda a provincia" e concretou que a mellora integral na que se traballa abrangue o treito desde ponte Cornide ata o límite co Concello de Barro, "que foi o termo no que se actuou no mandato anterior malia que o tramo de Moraña estaba en peor situación".
Por outra banda, o alcalde morañés explicou que a actuación na estrada Santa Xusta-Pontellas "está máis avanzada, xa que se trata dunha obra máis sinxela" e anunciou que desde o goberno local comezarán en breve coa consecución dos terreos. Este proxecto consistirá na continuidade da senda peonil e das beirarrúas entre Pontellas e o casco urbano á altura de Campenlos para completar este itinerario seguro e na corrección, co correspondente ensanchamento, de dous puntos estreitos na plataforma de circulación.
Relacionadas:
-
A Deputación desbloquea a mellora da seguridade viaria entre Mané e Rebón para "saldar unha débeda" con Moraña
Por Redacción |
-
Moraña renova o firme da EP-8201 en dirección Santa Xusta
Por Redacción |
-
Piden á Deputación do PP que reactive unha obra en Moraña paralizada desde 2015 polo bipartito
Por Redacción |