Inaugurado o mercado solidario da AECC en Pontevedra
Por Mónica Patxot & María José Pita
Este mércores 15 de novembro, a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Pontevedra inauguraba o seu tradicional Mercado Solidario de Nadal na cidade. Nesta 30 edición, a tenda estará instalada no número 2 da rúa Peregrina.
Aquelas persoas que visiten o mercado solidario poderán mercar os seus primeiros artigos do Nadal, con prezos moi alcanzables a partir de tan só un euro: libros, bixutería, bolsos, xoguetes, artigos de decoración ou reloxos, entre outros.
Como curiosidade, Virginia Álvarez, voluntaria da AECC en Pontevedra, comentaba que o obxecto máis valioso en venda é "un xogo de café bañado en prata, que ademais o doou a miña nai, e outro tamén de alpaca, que están sobre os 200 euros". Nos primeiros minutos de apertura as vendas sucedíanse, "xa vexo ocos no escaparate, unha marabilla".
Ao tratarse dunha zona céntrica de moito tránsito, este emprazamento facilitará unha grande afluencia de visitantes. No último mercado recadáronse 12.698 euros. Para esta campaña espérase superar esta cifra, despois de que nos anos da pandemia de Covid se producise "un parón importante", como recoñece Nara García, coordinadora de voluntariado da AECC en Pontevedra.
Tamén apuntaba, de modo anecdótico, que confían que a figura de Sargadelos do Apóstolo Santiago do escaparate sexa "unha chamada aos peregrinos que pasan por aquí, que se van a ver bendicidos dobremente á vez que pasan polo noso rastrillo".
Para que o mercado solidario sexa posible, colaboran ao redor de 60 voluntarios. García explica que "o obxectivo é recadar fondos para seguir traballando e ofrecendo os nosos servizos de forma gratuíta a todo aquel que o necesite". Na propia tenda, haberá unha zona onde se ofrecerá información sobre os programas e servizos gratuítos da Asociación Española Contra o Cancro.
Todos os produtos á venda proceden de doazóns. Neste sentido, desde a AECC lembran que toda aquela persoa que desexe doar algún artigo para colaborar coa causa poderá facelo na sede da entidade en Pontevedra (rúa Eduardo Pondal, 64A, baixo) ou chamando ao teléfono 747 78 13 50. Como en edicións anteriores, non se recollerá: roupa, complementos téxtiles, calzado nin enciclopedias.
A tenda permanecerá aberta ata mediados de xaneiro no seguinte horario: de luns a sábado, de 10.30 a 13.30 e de 17.30 a 20.30 horas.
Relacionadas:
-
Retornan as Rutas Saudables da AECC para loitar contra a vida sedentaria
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
"Un xoguete baixo a árbore", campaña solidaria de Novas Xeracións do PP
Por Redacción |
-
Blanca Ana García, nova presidenta da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra
Por Redacción |
-
O reto de Boa Vida: conseguir máis de 6.000 xoguetes usados en bo estado
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Abre o mercado solidario da AECC co obxectivo de "recadar un pouquiño máis que o ano pasado"
Por Almu Dapena & Mónica Patxot |
-
Dous meses por diante para axudar á AECC co seu 'rastrillo' solidario
Por Redacción |