Este próximo venres 17 de novembro ás 19.30 horas na sede de Afundación de Pontevedra, (terceira planta), a pontevedresa Pili Amaro Cendón presentará '12+3. Unha historia real'. Charlamos con ela no 'Cara a Cara' do que hai dentro destas páxinas, que é a súa experiencia. Este libro comezou cunha terapia persoal, para curar á coidadora que fora. Fíxoo a modo de cartas, cartas que Pilar escribía a Pili.
Titula así porque "foron os anos que pasei ao coidado dos meus pais. Empezou en 2000 ata 2011, estes foron exclusivamente ao seu coidado; e os tres posteriores á súa morte nos que eu vinme coa dor da perda e o diagnóstico da enfermidade do coidador. Eu estou moi enfadada co Alzheimer, non llo perdoo. Faille dano aos enfermos e aos coidadores porque son os que máis sofren esta enfermidade". Foi a súa nai quen tivo esta doenza dexenerativa e o seu pai igualmente requiriu de coidados.
Antes do 2000 Pili era tamén unha muller moi activa, exerceu como delineante e algo máis dunha década nunha farmacia. Conta que practicou infinidade de deportes. Estando dedicada plenamente a atender aos seus pais implicouse na posta en marcha de AFAPO, a Asociación de Familiares de enfermos Alzheimer de Pontevedra.
Outra das súas facetas é a de voluntaria como hospitalera e membro da directiva da Asociación Amigos do Camiño Portugués a Santiago.
E falando de voluntariado, lamenta que con esta enfermidade "non hai voluntarios porque os únicos que están son os familiares e amigos do enfermo ou enferma; e quedan tan queimados que cando se produce a morte, non queren volver saber máis da enfermidade", expón durante a charla; engadindo que aínda entre a poboación rexéitase estar informado sobre o que é esta doenza ou que "se esconde".
O podcast completo pódese escoitar desde a ligazón que se adxunta e tamén escoitar e descargar desde a web dePontevedraViva Radio.