Profesores concéntranse para reclamar "melloras reais", entre elas unha "subida lineal" de salarios
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Praza da Peregrina acolleu ás sete da tarde deste martes unha concentración de profesores que secundaron a convocatoria dos sindicatos CIG, CSIF e STEG para reclamar "melloras reais", como unha "subida lineal" de salarios.
Pontevedra foi unha das sete principais cidades galegas nas que se celebraron estes actos de protesta contra o acordo "de renuncias e de melloras 'low-cost'", segundo denuncian, que asinaron o pasado 11 de outubro a Xunta e tres dos catro sindicatos na mesa sectorial docente non universitaria (CCOO, ANPE e UXT) para reducir ratios e horario lectivo a partir do próximo curso 2024/25.
Na concentración de Pontevedra esixiuse a rectificación da consellería e que abra novas negociacións para unha baixada real das ratios en todas as etapas educativas desde o próximo curso, así como a recuperación do horario lectivo "recortado polos gobernos de Feijóo e Rajoy, que xa teñen todas as comunidades autónomas menos Galicia e Madrid", segundo manifestou o secretario comarcal CIG-Ensino Pontevedra Xacobe Rodríguez.
Así mesmo, tamén se esixe un "plan de eliminación da burocracia inútil que lastra a función docente" cun incremento na dedicación horaria para as direccións, coordinacións, xefaturas de departamento e titorías ou a dotación de maior persoal administrativo nos centros.
A iso suman un acordo retributivo que non discrimine o profesorado polo cargo que ocupe ou a súa antigüidade, "como si o fai o asinado pola Xunta cunha minoría sindical que non representa nin o 40% do persoal docente galego", sinalou Xacobe Rodríguez.
A concentración deste martes en Pontevedra foi a antesala doutra gran mobilización, neste caso unha manifestación para toda Galicia en Santiago de Compostela ás 12 o vindeiro domingo, 19 de novembro, na que está chamada a participar toda a comunidade educativa: ANPAS, familias e alumnado, en defensa do ensino público.
MANIFESTO
Na concentración de Pontevedra deuse lectura a un manifesto que reflicte o "desmedido interese" da Xunta por "pechar en falso unhas negociacións que o profesorado galego viña demandando desde hai anos".
Relacionadas:
-
"Orgullo e satisfacción" na CIG ao se converter na primeira forza sindical da área norte da provincia
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Investigan o acoso a varias profesoras dun colexio de Cambados a través de cartas anónimas
Por Oskar Viéitez |
-
Encontro do PP provincial con representantes de ANPAS e profesorado para explicar o acordo do sistema educativo
Por Redacción |
-
A CIG sitúa nun 60% o profesorado en folga mentres que o conselleiro de Educación reduce ao 15,3% a participación
Por Oskar Viéitez |