Encontro do PP provincial con representantes de ANPAS e profesorado para explicar o acordo do sistema educativo
Por Redacción
Luis López, presidente do PP provincial de Pontevedra, acompañado por Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, reuníanse nas últimas horas con máis de 140 integrantes de ANPAS, profesorado e representantes do sector educativo coa intención de explicarlles o acordo alcanzado por parte da Xunta de Galicia con varios sindicatos en materia educativa.
Segundo Román Rodríguez é un acordo "histórico", que busca unha mellora estrutural do sistema educativo para potencialo durante o próximos dez anos. Apuntou que se introducen melloras na carreira profesional docente con incrementos retributivos do 20% nos complementos por formación e por funcións de titoría e de 60 euros máis ao mes por exercer funcións directivas.
Redúcese o horario lectivo do profesorado de 25 a 23 horas semanais. Esta decisión sitúa a Galicia no grupo de cabeza de menos horas lectivas entre todas as comunidades, segundo o PP.
Tamén se rebaixan os ratios, segundo o conselleiro, de alumnado por aula ao pasar dos 25 actuais a 20 en Infantil e Primaria, dos 30 aos 25 en ESO e dos 33 a 30 Bacharelato.
A isto sumou unha mellora na atención á diversidade no caso de estudantes con necesidades específicas de atención. Nestes casos, computarán por dous ou por tres nas cocientes en función do grao de dependencia acreditado.
O acordo cos sindicatos non foi asinado pola CIG, que na xornada do martes convocou unha folga no ensino non universitario.
Relacionadas:
-
Profesores concéntranse para reclamar "melloras reais", entre elas unha "subida lineal" de salarios
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O IES de Soutomaior demanda un grupo de atención á diversidade
Por Oskar Viéitez |
-
Novo paso para transferir os centros educativos ubicados en Príncipe Felipe da Deputación á Xunta
Por Redacción |