Os socialistas instan ao Concello a "mover ficha" e regular as "desbocadas" vivendas turísticas
Por Alejandro Espiño
Para os socialistas, a problemática das vivendas de uso turístico en Pontevedra está "desbocada". Actualmente existen rexistradas unhas 440 en todo o municipio e, mentres outras cidades tomaron medidas para regulalas, Pontevedra "non moveu ficha".
Así o subliñou este martes o portavoz do grupo municipal do PSOE, Iván Puentes, que anunciou que o seu partido presentará unha moción no pleno da corporación para instar á elaboración dunha ordenanza de vivendas de uso turístico.
A intención é que esta normativa "regule e limite" a implantación de novos aloxamentos deste tipo, especialmente en todo o centro histórico, e estableza novas condicións para legalizar as vivendas deste tipo que xa existen na cidade.
Para iso, os socialistas propoñen que no marco da comisión municipal de urbanismo se cree un grupo de traballo, con presenza de partidos políticos, asociacións de veciños e o propio sector turístico, que busque "ordenar convenientemente" estas vivendas.
Esta ordenación pasaría, en todo caso, por modificar puntualmente o PXOM en vigor ou mesmo o Peprica, o plan de protección histórico e artístico da zona vella.
A normativa actual, que limita as vivendas turísticas a baixos e primeiras plantas ou, pola contra, a edificios dedicados integramente a esta actividade, a xuízo de Iván Puentes, "non vale para atallar o problema nin para contelo", senón todo o contrario. "Vai a máis", engadiu.
"Non facer nada significaría expulsar aos veciños e veciñas da cidade e dar o primeiro paso para a morte de Pontevedra como capital e como cidade residencial, reducíndoa a un parque temático para turistas", subliñou Puentes.
A alta presión deste tipo de establecementos, ata un 91% dos aloxamentos dispoñibles en Pontevedra segundo diversos estudos, fai que a Boa Vila sexa a cidade galega con "maior desproporción" entre vivendas turísticas e pisos de alugueiro convencional.
Puentes asegurou que por cada seis vivendas de uso turístico "hai un só piso destinado a alugueiro tradicional", o que provoca a inexistencia de alugueiros "a prezos razoables" na cidade, algo que afecta especialmente á xente nova ou con menos recursos.
Fronte á falta de seguridade xurídica que había antes, segundo o edil socialista, recentes sentenzas do TSXG recoñécenlle aos concellos unha "plena capacidade" para regular este tipo de vivendas, polo que considera que "urxe que Pontevedra o faga".
Relacionadas:
-
O Concello encarga un estudo para detectar zonas tensionadas do mercado de alugueiro na cidade
Por Oskar Viéitez |
-
A apertura de Raíña Vitoria, entre as dez condicións que pon o PSOE para apoiar os orzamentos municipais
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra estudará como "perfeccionar" a regulación das vivendas turísticas
Por Alejandro Espiño |
-
A unanimidade na maioría dos asuntos vaticina un pleno tranquilo en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Aviturga notifica ao PSOE local que as vivendas de uso turístico "xa están reguladas" en Pontevedra
Por Redacción |
-
A oferta e demanda de vivendas turísticas na comarca de Pontevedra dispárase este verán
Por Manu Otero |
-
Sinalan ás 6.882 vivendas baleiras en Pontevedra como solución á falta de inmobles en alugueiro na cidade
Por Redacción |