Aviturga notifica ao PSOE local que as vivendas de uso turístico "xa están reguladas" en Pontevedra
Por Redacción
"Cinco meses fóra do goberno local é o que necesitou o PSOE para demostrar un profundo descoñecemento da situación da vivenda en Pontevedra", así comeza un comunicado de Aviturga, a asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, criticando a proposta do PSOE local para que o goberno municipal do nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores regulase as "desbocadas" vivendas turísticas.
Desde a asociación que preside Dulcinea Aguín lembran a Iván Puentes e ao grupo municipal socialista que deberían coñecer que as vivendas de uso turístico (VUTs) en Pontevedra se atopan reguladas e que nos últimos catro anos o Concello outorgou un mínimo dunha decena de licenzas para converter edificios enteiros en apartamentos turísticos.
O colectivo critica ademais a actitude dos socialistas durante o anterior mandato: "quizá puideron propoñer adquirir eses inmobles para sacalos ao mercado como vivendas sociais unha vez rehabilitados. Non o fixeron. Permitiron que bloques enteiros estean en mans de promotores e empresarios que os dedicarán ao uso alojativo sen argumentar en ningún momento que se estaba convertendo o centro da cidade nun parque temático".
Desde Aviturga aseguran que Pontevedra conta con 440 vivendas de uso turístico rexistradas, cun notable número en zonas rurais. Trátase dunha porcentaxe do 1,11% do parque inmobiliario do municipio fronte ao 18% que representan as vivendas baleiras.
Explican que a cidade conta cun parque de aproximadamente 40.000 vivendas, das que 31.000 son principais e en propiedade; 8.612 non son principais ou permanecen en alugueiro; 1.726 son secundarias e 6.886 atópanse baleiras.
Por este motivo, preguntan aos socialistas por que están baleiras esas vivendas e que medidas propoñen para incentivar que se somen ao mercado do alugueiro. Indican que Pontevedra rexistrou un crecemento de hostels e albergues nos últimos anos pero non de prazas hostaleiras cun aloxamento de calidade.
Insisten en que a oferta de aloxamento das VUTs en Pontevedra foi clave para atender a elevada demanda de pernoitas durante o verán e con motivo da celebración do Tríatlon. Aviturga arremete contra os socialistas no comunicado: "Ao PSOE igual considera máis acertado que os visitantes se aloxen en hoteis de Sanxenxo e desprácense a coñecer Pontevedra", explicando que as VUTs son un axente rehabilitador en zonas céntricas con vivenda baleira sen reformar, en edificios con poucos metros cadrados de solar que precisan un investimento ou en edificios sen equipamentos como o ascensor.
Argumentan que moitas das vivendas de uso turístico non se destinan todo o ano a alugueiro para visitantes e, por tanto, en tempada baixa pechan os seus calendarios nas plataformas e destínanse a alugueiro de tempada para estudantes ou traballadores temporais.
Relacionadas:
-
O Concello encarga un estudo para detectar zonas tensionadas do mercado de alugueiro na cidade
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra estudará como "perfeccionar" a regulación das vivendas turísticas
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas instan ao Concello a "mover ficha" e regular as "desbocadas" vivendas turísticas
Por Alejandro Espiño |
-
Un mantemento "regular, transparente e organizado" de camiños, primeira petición do PSOE para o rural
Por Alejandro Espiño |