Pontevedra estudará como "perfeccionar" a regulación das vivendas turísticas
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal defende a actual normativa que Pontevedra ten aprobada para regular as vivendas turísticas, pero ábrese a estudar fórmulas para "perfeccionar" a súa aplicación e "avanzar no que se poida", segundo explicou a edil de Urbanismo, Carme da Silva.
O BNG apoiará no pleno do próximo luns a moción que presentará o PSOE para que, no seo da comisión municipal de urbanismo, se cree un grupo de traballo, no que estean presentes entidades veciñais e representantes do sector turístico, para revisar esta norma.
O obxectivo final, reclaman os socialistas, sería elaborar unha ordenanza municipal de vivendas de uso turístico que regule e limite, dentro das posibilidades que ofrece en PXOM e o plan de protección do centro histórico, a implantación de novas vivendas turísticas.
Da Silva sostivo que se trata dun tema de "enorme complexidade" que Pontevedra decidiu regular pola vía urbanística, modificando o PXOM e identificando estas vivendas como usos terciarios, trámite que foi avalado por varias sentenzas xudiciais.
Pontevedra, actualmente, só outorga licenza de actividade ás vivendas situadas en baixos e primeiras plantas ou, pola contra, edificios dedicados integramente a estes usos, algo que "están copiando" outras cidades, entre elas Santiago ou A Coruña.
O Concello busca así dar a "máxima seguridade xurídica" aos propietarios destas vivendas e, ao mesmo tempo, que esta actividade "non supoña un problema" de convivencia veciñal.
Un dos primeiros pasos que dará o goberno municipal, iso si, será solicitar á Xunta de Galicia que non autorice vivendas que non cumpran cos requisitos marcados desde Pontevedra e que intensifique as inspeccións para identificar a posibles infractores.
O PP, pola súa banda, optou por absterse na comisión que tratou esta cuestión.
Relacionadas:
-
O parque inmobiliario de Pontevedra crecerá con 25 novas vivendas en Poza dos Canos
Por Alejandro Espiño |
-
A unanimidade na maioría dos asuntos vaticina un pleno tranquilo en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Aviturga notifica ao PSOE local que as vivendas de uso turístico "xa están reguladas" en Pontevedra
Por Redacción |
-
Os socialistas instan ao Concello a "mover ficha" e regular as "desbocadas" vivendas turísticas
Por Alejandro Espiño |