Piden á Deputación do PP que reactive unha obra en Moraña paralizada desde 2015 polo bipartito
Por Redacción
O alcalde de Moraña, Sito Gómez, pide ao novo goberno da Deputación Provincial, do Partido Popular, a "inmediata reactivación" da mellora da estrada provincial EP-0503 Mane-Rebón, que foi paralizada polo anterior goberno provincial bipartito PSOE-BNG no ano 2015 malia estar adxudicada.
Sito Gómez trasladou esta demanda durante unha reunión de traballo co presidente da Deputación, Luis López, na que tamén estiveron presentes a tenente de alcalde, Luisa Piñeiro, que era a alcaldesa cando se paralizou a obra; e o concelleiro Alberto Caldas.
Ao remate da reunión, lamentou que "perdéronse oito anos, que van ser alomenos dez pola necesaria tramitación administrativa".
Ademais, o alcalde sinalou que agora detectan "outra sensibilidade da Deputación con Moraña", xa que o presidente comprometeuse a estudar todas as cuestións técnicas e orzamentarias necesarias para ver as posibilidades de recuperar canto antes esta obra.
Para o goberno local de Moraña "é un compromiso irrenunciable cos veciños" e anuncian que van "traballar arreo" para que saia adiante durante o actual mandato municipal.
O proxecto adxudicouse en 2015 por 800.000 euros e contemplaba ensanchar, mellorar e modificar o trazado nun treito dun quilómetro entre O Pazo e Veixido para evitar a afección das vivendas e de San Roque co obxectivo de acadar un vial de alomenos 9 metros de anchura e beirarrúas en ambas marxes.
"Era un proxecto magnífico, pero o bipartito provincial desgrazadamente desbotouno durante oito anos e non deu nin un só paso", lamenta o alcalde. Agora, ademais, pasado tanto tempo, haberá que analizar cal é a situación da vía e todas as cuestións vencelladas á mesma e a unha posible mellora.
Relacionadas:
-
A Deputación desbloquea a mellora da seguridade viaria entre Mané e Rebón para "saldar unha débeda" con Moraña
Por Redacción |
-
Reunión técnica na Deputación para abordar as melloras nas estradas provinciais de Moraña
Por Redacción |
-
Persoas con autismo farán a tarxeta de felicitación do Nadal do Concello de Moraña
Por Oskar Viéitez |