O Concello de Meaño vese "forzado" a subir o IBI
Por Redacción
O Concello de Meaño anuncia unha subida o Imposto de Bens Inmobles (IBI), unha decisión que xustifica argumentando que "a alta presión inflacionista e os cambios económicos e sociais que estamos vivindo forza ao goberno local a romper por primeira vez en 15 anos a conxelación de impostos e tasas".
O goberno local asegura que "Meaño é un dos municipios da contorna cos impostos e taxas máis baixos, cunha maior aposta polos servizos públicos" o que "ten unha clara repercusión, tanto na estabilización do emprego como na calidade da atención sociosanitaria a colectivos tan vulnerables como a poboación da terceira idade ou a infancia".
O grupo de goberno lembra que o Servizo de Axuda no Fogar, a atención no domicilio de persoas con necesidades específicas, a escola infantil ou o comedor escolar son algún dos servizos públicos que en Meaño se prestan con fondos públicos e persoal municipal.
"Manter e mellorar a calidade destas prestacións é a razón que leva ao goberno a prantexar no Pleno deste luns a regularización do Imposto de Bens Inmobles" incrementando un 18% o tipo impositivo, do 0,40 ao 0,47%.
Ademáis engaden que a estabilización da Relación de Postos de Traballo (RPT), o incremento da presión fiscal, a inflación e un maior gasto dos servizos municipais, "xustifica" unha subida que terá unha repercusión nos recibos que as familias deberán abonar a finais do ano 2024, sendo inferior a 20 euros nos tramos estándar.
O alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, asegura que o seu concello "continuará sendo uns dos Concellos cos impostos e taxas máis baixas da comarca, mantendo a mesma tendencia que o caracterizou durante os últimos 15 anos, periodo no que o Concello non actualizou ningún imposto nin taxa, siquera para aplicarlle o IPC anual".
"Sen embargo, a situación económica actual impide ao Goberno local seguir coa súa política de conxelación de impostos e taxas", reitera.
"Queremos seguir sendo un Concello que presta servizos con calidade, pero para iso precisamos adaptarnos a un momento económico e social así, que está sendo difícil para todos os Concellos", en referencia á subida de impostos aprobada xa en municipios limítrofes como Sanxenxo e en marcha noutros cercanos.
Meaño aplicará por tanto a partir de 2024 un IBI do 0,47%, por debaixo de Vilanova cun 0,60%, O Grove cun 0,58%, de Caldas de Reis cun 0,56% ou de vilas como Pontevedra cun 0,64% ou Vigo cun 0,91%.
A nova ordenanza, que se aprobará na sesión plenaria ordinaria convocada para este luns, garantiza á cidadanía unha maior seguridade xurídica xa que desde a entrada en vigor da actual normativa sufriu xa varias modificacións que derivaron na existencia de varios documentos relativos ao mesmo tributo polo que era necesario refundir os contidos nunha nova ordenanza.
A proposta de suba do IBI incorpora tamén bonificacións entre as que cabe destacar especialmente as aplicables ás familias numerosas; aínda que tamén se recollen ás fincas rústica das cooperativas agrarias e de explotación comunitaria, ás vivendas de protección oficial ou aos proxectos de urbanización.
Relacionadas:
-
Meaño adquirirá un camión para a recollida separada do lixo dos contedores verdes e marrón
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello tramitará o fraccionamento do pago do IBI á veciñanza de Vilaboa que o soliciten
Por Oskar Viéitez |
-
O concelleiro de Facenda defende a "mínima" suba de impostos en Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas sobe o IBI ao 0,45 e implanta unha taxa de vaciado de fosas sépticas
Por Redacción |
-
O goberno municipal aproba en solitario a suba do IBI e da viñeta en Sanxenxo
Por Redacción |