O concelleiro de Facenda defende a "mínima" suba de impostos en Marín
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Facenda, Manuel Santos Costa, defendeu a suba que se aplicará en Marín ao imposto sobre bens inmobles (IBI) e ao imposto de circulación (viñeta) "co obxectivo de seguir dotando ás arcas públicas de liquidez" para "poder asumir os enormes gastos sobrevidos pola inflación galopante que afecta á nosa sociedade", que incrementou en máis de 2 millóns de euros os gastos municipais.
"Despois de 16 anos cunha política de conxelación de taxas e impostos, agora temos que aplicar este cambio para poder facer fronte a unha situación enormemente complexa, tanto para as administracións de todos os niveis como para os propios cidadáns", explicou o edil no pleno da corporación.
O caso do IBI, explica Santos, é especialmente relevante en Marín, porque os seus valores catastrais son os de referencia de hai 37 anos. Esta situación e a súa conxelación nos últimos 16 anos fai que "teñamos que aplicar a subida que se anunciou hai unhas semanas por parte do Concello".
En todo caso, Santos destaca que, incluso aplicando estas subidas, "Marín é dos municipios de máis de 20.000 habitantes de Galicia coa menor presión fiscal e seguiremos tratando de que así o sexa".