Lores advirte que a reordenación do mapa sanitario convertirá o CHOP nun "hospital de terceira"
Por Alejandro Espiño
A reordenación do mapa sanitario galego, que implicará que pacientes do área sanitaria norte deban desprazarse a Santiago para ser tratado nalgunhas especialidades, segue xerando críticas desde diferentes ámbitos sociais. A este respecto volveuse a pronunciar este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que fixo un chamamento á participación cidadá na manifestación prevista para o 14 de febreiro.
"O que nos estamos xogando con esta reordenación sanitaria ten unha transcendencia fundamental", sinalou Fernández Lores. Vincula esta decisión ao "desmantelamento" da sanidade pública por parte do Partido Popular. Os recortes en sanidade e os desvíos de pacientes, xunto coa paralización do Hospital único en Montecelo, dixo, "van significar que á larga o CHOP vaise converter nun hospital de terceira con moi pouca carteira de servizos".
O rexedor capitalino recordou que o proxecto de ampliación de Montecelo recollía o carácter de Hospital único, polo que contaba con especialidades das que carece actualmente esta área sanitaria como Radioterapia, Cirurxía Infantil, Hemodinámica ou Cirurxía Intervencionista. Fronte a isto, os pacientes de Pontevedra están actualmente "discriminados con respecto a outras áreas sanitarias".
Por iso é polo que Lores volvese reclamar máis investimentos en Montecelo para que o CHOP "poida capitalizar" unha área sanitaria que "cada vez é máis pequena", denunciou. E o desvío de pacientes a Santiago prexudica aínda máis a situación "porque se reducen os investimentos e a capacidade de funcionamento e investigación", ademais dos prexuízos que causa aos pacientes e as súas familias "ter que desprazarse a unha maior distancia".
Neste sentido puxo un exemplo concreto. Fernández Lores asegurou que os pacientes que sofren infarto de miocardio xa son trasladados a Santiago, cando nestes casos "as primeiras horas son fundamentais" para reducir a porcentaxe de mortandade. "E non é o mesmo que te poidan atender en Montecelo a ter que ir a Vigo ou Santiago", afirmou. Marca a diferenza en moitos casos, dixo, "para que se lle poida atender ou morra".
Por todo iso, o alcalde de Pontevedra insiste en que os preto de 300.000 pacientes que forman a área sanitaria norte "non sexan discriminados" e poidan contar cun hospital "de primeira categoría" en Montecelo. Esta reivindicación será o fío condutor do acto público que se celebrará no Teatro Principal nos próximos días e que reunirá a diferentes alcaldes da comarca, sindicatos, asociacións de veciños e colectivos médicos.
Relacionadas:
-
Sanidade califica de "satisfactoria" a reordenación sanitaria e lamenta o "debate ficticio" que xenera
Por Redacción |
-
SOS Sanidade Pública convoca para o 14 de febreiro unha manifestación contra a reordenación sanitaria
Por Redacción |
-
Louro insta a Núñez Feijóo a "non quedar só defendendo a privatización da Sanidade"
Por Redacción |