Pontevedra volve saír á rúa para reclamar unha Sanidade pública de calidade
Por Redacción
Miles de pontevedreses saíron ás rúas para participar da manifestación, convocada polos sindicatos sanitarios, en defensa da Sanidade Pública e en contra dos recortes, desmantelamento e privatizacións.
Á marcha que se iniciou no Hospital Provincial e que se trasladou ata a Praza de España sumáronse membros do goberno local de Pontevedra co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores á fronte que denunciou os "recortes sistemáticos de medios, con copagos e falta de investimento que nos vai converter nunha área sanitaria de segunda ou de terceira". O tenente de Alcalde, Antón Louro, tamén mostrou o seu apoio a esta marcha indicando que "a sanidade é un pilar fundamental no Estado de Benestar".
No manifesto que se leu ao termo da manifestación indicouse que "estes servizos sanitarios deben atendernos a todos e todas por igual, sen discriminacións nin desigualdades. A igualdade só se garante cunha Sanidade Pública". As críticas dirixíronse aos gobernos do Partido Popular tanto na Xunta de Galicia coma no Goberno estatal aos que culpan do incremento de "desigualdades de acceso en función dos nosos ingresos, da zona onde vivamos. Toda esta situación agrávase sendo máis agresiva coas persoas que teñen menos recursos".
Neste sentido, os sindicatos entenden que o goberno da Xunta impulsou privatizacións, a implantación do copagamento nas prestacións sanitarias, a implantación da obrigatoriedade de derivar os casos de accidentes de tráfico menos graves ás clínicas privadas e a posta en marcha das Áreas de Xestión Clínica, que segundo os representantes sindicais "pretende trasladar a las personas que trabajan en la Sanidade Pública la responsabilidad de recortar, chantajeándolos con incentivos ligados al ahorro".
O comunicado final insiste en que "o Sr. Feijóo e a Sra. Mosquera non pensan parar. Nós tampouco. Non teñen outra meta que rematar coa Sanidade Pública e entregarlla en bandexa a empresas privadas, grandes bancos, fondos de inversión e especuladores que só buscan lucrarse a costa dos nosos petos e da nosa saúde. Pero nós non llo imos consentir, a razón está da nosa parte"
O voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, horas antes desta marcha, afirmaba que non a ía secundar porque dende o goberno "se está trabajando muy duramente por la Sanidad Pública y los usuarios lo están comprobando".