A terceira fase da reforma da PO-235, entre Seixido e Portela da Cruz, custará 4 millóns
Por Redacción
Ata os 3,9 millóns de euros ascenderá o orzamento que a Xunta de Galicia deberá destinar á terceira fase das obras de acondicionamento da estrada PO-235, na Lama. Actuarase, en concreto, entre a parroquia de Seixido e A Portela da Cruz, no límite coa provincia de Ourense.
As obras acometeranse nun treito de algo máis de sete quilómetros, entre os puntos quilométricos 18+100 e 25+000, atravesando os núcleos do Campo, A Fentosa e O Eido da Tendeira, ademais de dar acceso a outros lugares máis dispersos.
Para executar esta actuación, o goberno galego terá que expropiar unhas 150 parcelas, que no seu conxunto suman case 48.000 metros cadrados de terreo.
Na actualidade, o trazado deste tramo da PO-235 presenta ao longo do seu percorrido curvas de radio inferior a 25 metros e varios tramos de curvas consecutivas de un quilómetro de lonxitude. A sección da estrada é variable, cunha anchura máxima de 5,60 metros e con puntos especialmente estreitos, coincidentes con obras de paso da vía autonómica.
A través desta actuación e tratando de adaptarse aos condicionantes existentes, procederase á ampliación da plataforma da calzada ata os 7 metros, distribuídos en dous carrís de circulación con tres metros de anchura, respectivamente, e beiravías de 50 centímetros en cada marxe.
Ademais, rectificaranse as curvas de menor radio para facilitar a circulación e diminuír o risco de sinistralidade e renovarase a capa de rodaxe e o firme da estrada.
Na execución das obras tamén se incluirá unha adaptación da drenaxe transversal da plataforma con tres principais puntos de evacuación, o revestimento de cunetas e a renovación do tendido, a sinalización horizontal e vertical, o balizamento e as defensas de seguridade.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento de actas previas das expropiacións e licitará a execución das obras no primeiro semestre de 2024, co obxectivo de iniciar os traballos o vindeiro ano. A actuación ten un prazo de execución de doce meses.
Esta nova intervención da Xunta súmase ás actuacións xa rematadas de acondicionamento integral da estrada PO-235 ao seu paso polo concello da Lama.
Faino tras investir anteriormente case 3,7 millóns de euros na mellora inicial do treito entre a capital municipal e o punto quilométrico 11+870, no lugar de Antas, e realizar a reforma ata o lugar de Seixido, así como unha senda peonil no medio do traxecto.
Relacionadas:
-
Adxudicadas por máis de 3,1 millóns de euros as obras que completarán a mellora integral da estrada PO-235
Por Redacción |
-
O comedor escolar da Lama adhírese á campaña "Come local"
Por Redacción |
-
A tramitación da terceira e última fase de mellora da PO-235 na Lama entra na súa última fase
Por Redacción |
-
A Xunta constrúe unha nova senda peonil no concello da Lama
Por Redacción |
-
Invisten 48.000 euros para crear unha senda peonil de 690 metros pola PO-235
Por Redacción |
-
A Xunta dá por rematadas as obras de mellora da PO-235 entre Antas e Seixido
Por Redacción |