Moreira invita a Lores a que "tome exemplo de Núñez Feijóo" e traballe polo emprego
Por Redacción
O voceiro municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, reclama o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que "tome exemplo da determinación mostrada polo presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijóo, e o seu equipo para promover a consecución da adxudicación da compañía mexicana Pemex da construción de dous buques hotel aos estaleiros galegos Barreras e Navantia".
Moreira, sinala que Pontevedra destaca moi negativamente nos datos da taxa de desemprego xa que dende que chegou Lores á Alcaldía, segundo os populares, o paro se multiplicou por tres. Indica o voceiro do grupo municipal do PP que en setembro de 1999 había 3.585 desempregados e hoxe, segundo a última Enquisa de Poboación Activa, son 10.800. E dende o partido da oposición indícase que no último ano o paro creceu moi por enriba que no resto de cidades galegas en termos relativos e se mantén nunha taxa do 27,5%, só superada por Ferrol.
Segundo Jacobo Moreira, "o alcalde ten que abandonar a súa reclusión no Concello e coas súas cousas, beirarrúas, multas, soldos, festas... E ten que deixar de esperar a que os problemas dos pontevedreses se solucionen sós ou pola iniciativa dos seus propios veciños ou doutras administracións".
Os populares aplauden que "a nova da adxudicación dos contratos de Pemex xere boas expectativas de traballo futuro para empresas da bisbarra de Pontevedra".
A través dun comunicado, o PP sinala que nas súas emendas ao presuposto do Concello para 2014 se propuxo que se dedicase un millón de euros a un plan de emprego local. E lamentan que a petición fose rexeitada con "notable indiferenza" polo equipo de Fernández Lores para sinalar que o BNG e o PSOE, socios do goberno, se limitaron a aumentar con 45.000 euros "a xa irrisoria partida destinada a promoción económica".