A Deputación e o Concello de Sanxenxo aplauden o resultado da reforma do pavillón de Baltar
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín visitaron este mércores o Pavillón de Baltar tras o final da reforma que dotou a estas instalacións dunha pista deportiva homologada, climatizada e totalmente accesible, tras aproximadamente once meses de obras.
No percorrido polas instalacións participaron a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández Tapias, varios membros do goberno municipal, así como os portavoces locais do BNG e do PSOE, e técnicos da obra.
A transformación do edificio orixinal de 1987 sorprendeu a todos, así como as novas prestacións das instalacións con salas e baños adaptados a persoas con mobilidade reducida e un ascensor para acceder á planta superior. A mellora da iluminación tanto artificial como natural con varias xanelas a pé de pista e unha galería exterior na planta alta é outro dos puntos fortes da reforma.
A zona de xogo foi homologada polo Consello Superior de Deportes para a práctica de deporte profesional.
A nova envolvente exterior mellora a climatización e tamén a estética do edificio. A actuación orzada en 1.071.431 euros foi financiada ao 70 e 30% pola Deputación de Pontevedra a través da firma dun convenio con fondos ReacPon.
O alcalde mostrouse "satisfeito" co resultado da "magnífica reforma" e agradeceu aos promotores da obra o seu esforzo para executar a actuación.
Martín destacou que "hoxe é un día importante, pero máis o vai a ser o sábado coa inauguración das instalacións deportivas por parte dos clubs locais cunha xornada de portas abertas" e pediu expresamente "que se goce dela, pero tamén que se coide".
O vindeiro sábado, na pista habilitaranse tres zonas de xogo para que os clubs poidan practicar distintos deportes nunha xornada de portas abertas, de 10:30 a 13 horas e de 17 a 19:30.
Na mesma liña, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a "calidade e madurez do proxecto" e chanceou coa capacidade de "persuasión" do alcalde para lograr fondos.
Luis López tamén anunciou que hoxe mesmo o goberno provincial aprobou unha modificación de crédito para poñer en marcha unha liña de axudas por valor de 4 millóns de euros para melloras nas infraestruturas deportivas.
LIÑA DE AXUDAS DA DEPUTACIÓN
O presidente referiuse ao plan extraordinario do goberno provincial que destina 4 millóns de euros para a construción ou renovación de instalacións deportivas nos concellos da provincia.
"O deporte é unha das grandes apostas do goberno da Deputación, como tamén o son o turismo e o municipalismo", afirmou Luis López.
"Na Deputación ides atopar un aliado para seguir transformando os concellos con proxectos destas características e sempre baixo a escoita" dixo Luis López "tamén somos partidarios de dar autonomía aos concellos para que sexan eles os que decidan o que deben executar", engadiu o presidente da Deputación.
Relacionadas:
-
O goberno local de Sanxenxo prepara o novo prego do lixo
Por Oskar Viéitez |
-
Luis López comprométese a construír unha senda peonil e ampliar a estrada entre Baión e András
Por Oskar Viéitez |
-
Os traballos na cuberta e a fachada do Pavillón de Baltar acometeranse en xaneiro
Por Redacción |
-
A cimentación da nova cuberta, primeiros pasos na reforma do pavillón de Baltar
Por Redacción |