Os traballos na cuberta e a fachada do Pavillón de Baltar acometeranse en xaneiro
Por Redacción
A empresa construtora encargada da reforma integral do pavillón de Baltar xa realizou a apertura de ventás verticais ao longo da fachada traseira do edificio que comunica coa pista para achegar unha maior luminosidade natural ao espazo deportivo.
Tamén executou o caixón de circulación do novo ascensor co que se dotará de accesibilidade as instalacións, así como a estrutura da pasarela que comunicará a saída do ascensor coa parte superior das bancadas. No interior, xa se procedeu á colocación das instalacións de fontanería e electricidade no túnel dos vestiarios.
A previsión é que en xaneiro se dea comezo á execución da cuberta que se compaxinará con traballos interiores e coa colocación da fachada transventilada que permitirá mellorar o illamento térmico do edificio e a eficiencia enerxética.
A obra, que está financiada polo Concello de Sanxenxo e a Deputación, supoñerá un investimento de máis dun millón de euros, dos que o organismo provincial achega 803.573 euros e Sanxenxo 267.857 euros mediante a firma do convenio do Plan ReacPon.
A actuación inclúe a colocación dunha nova pista de madeira de haxa sobre dobre taboleiro contrachapado e apoiada sobre elementos de caucho. Este sistema xera unha cámara de aire entre o soporte e o pavimento de madeira, mellorando a práctica deportiva. O proxecto, tamén, contempla un novo tramo de escaleira que facilitará a evacuación en caso de emerxencia.
O equipamento deportivo inclúe a instalación dun xogo de canastras colgadas e motorizadas, cun taboleiro de metacrilato electrónico e aros basculantes. Finalmente, a actuación tamén resolverá un dos maiores problemas que presentaba o recinto, a súa mala acústica con novos elementos construtivos adecuados para reducir as vibracións das instalacións e o ruído reverberante.
Relacionadas:
-
A Deputación e o Concello de Sanxenxo aplauden o resultado da reforma do pavillón de Baltar
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma integral do pavillón de Vilalonga prevé acabar co seu mal estado
Por Redacción |
-
A cimentación da nova cuberta, primeiros pasos na reforma do pavillón de Baltar
Por Redacción |
-
O reformado pavillón de Baltar, un compromiso para abril de 2023
Por Redacción |