A cimentación da nova cuberta, primeiros pasos na reforma do pavillón de Baltar
Por Redacción
As obras de reforma do pavillón de Baltar, en Portonovo, avanzan a bo ritmo. Nas primeiras semanas de traballo, os labores centráronse na cimentación da nova cuberta que terá todo este equipamento.
Esta estrutura está formada por unha chapa de aceiro prelacada con illamento térmico de la mineral que permitirá mellorar a temperatura do pavillón en calquera estación do ano.
Tamén está previsto abrir novos ocos na fachada para mellorar a iluminación e a ventilación natural. Ademais, contémplase a instalación de ventilación con renovación de aire mediante sistemas enerxéticos eficientes.
A actuación inclúe a colocación dunha nova pista de madeira de haxa sobre dobre taboleiro contrachapado e apoiada sobre elementos de caucho, un sistema que xera unha cámara de aire entre o soporte e o pavimento de madeira, mellorando a práctica deportiva.
O proxecto tamén contempla a mellora da accesibilidade coa instalación dun ascensor e un novo tramo de escaleira que facilitará a evacuación en caso de emerxencia.
Ademais, procederase á instalación dun xogo de canastras colgadas e motorizadas, cun taboleiro de metacrilato electrónico e aros basculantes; e resolverase un dos maiores problemas que presentaba o recinto, a súa mala acústica.
Esta reforma, que supoñerá un investimento de 1,07 millóns de euros, finánciase mediante o Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra, que achega 803.000 euros. O Concello Sanxenxo asume o resto do diñeiro, case 268.000 euros, con fondos propios.