O reformado pavillón de Baltar, un compromiso para abril de 2023
Por Redacción
As obras de reforma do pavillón de Baltar, en Portonovo, custará algo máis dun millón de euros e serán executadas pola empresa Construcións Castro Figueiro, que presentou a única oferta ao proceso de licitación aberto polo Concello de Sanxenxo.
Fíxoo co compromiso de executar a obra antes do 30 de abril de 2023, ampliando ademais o prazo de garantía dun a catro anos.
Esta actuación, que forma parte do Plan Reacpon, será financiada na súa maior parte pola Deputación de Pontevedra, que achegará 803.000; mentres que o Concello asumirá os restantes 268.000 euros, segundo recolle o convenio asinado.
A obra prevé garantir a seguridade e o confort durante a práctica deportiva, mellorando o illamento e os materiais, tanto interiores como exteriores, do recinto.
Así, o proxecto inclúe a colocación dunha nova pista de madeira de haxa sobre dobre taboleiro contrachapado e apoiada sobre elementos de caucho.
Este sistema permite xerar unha cámara de aire entre o soporte e o pavimento de madeira, mellorando o seu comportamento respecto a posibles condensacións do chan.
Ademais, contémplase a instalación de ventilación con renovación de aire do recinto en todos os espazos mediante sistemas enerxéticos eficientes ou a mellora da accesibilidade das instalacións coa ampliación do corredor de distribución dos vestiarios.
A colocación dun ascensor e dun novo tramo de escaleira complementario de apoio á evacuación do recinto en caso de emerxencia ou a dotación dun espazo para conserxería, instalando un mostrador na zona de acceso, figuran entre as reformas para realizar.
Co obxectivo de mellorar o illamento térmico do pavillón, así como a iluminación natural interior prevese a colocación dunha sobrecuberta formada por unha chapa de aceiro prelacada con illamento térmico de la mineral inferior.
Na fachada abriranse novos ocos, que permitirán dotar ao recinto tanto de iluminación como ventilación natural, facendo máis agradable o uso da instalación e mellorando as condicións lumínicas e de ventilación.
En canto ao equipamento deportivo inclúese a instalación dun xogo de canastras colgadas motorizadas, con taboleiro de metacrilato electrónico e aros basculantes.
Todo o pavillón estará dotado de elementos para reducir a contaminación acústica do recinto, diminuíndo o ruído aéreo, o ruído de impactos e o ruído e vibracións das instalacións propias do edificio, limitando tamén o ruído reverberante.
Relacionadas:
-
Os traballos na cuberta e a fachada do Pavillón de Baltar acometeranse en xaneiro
Por Redacción |
-
A cimentación da nova cuberta, primeiros pasos na reforma do pavillón de Baltar
Por Redacción |
-
A Deputación ampliará o prazo das obras en Portonovo para que Sanxenxo non perda 500.000 euros
Por Redacción |
-
O pavillón de Baltar será completamente acondicionado cos fondos ReacPon da Deputación
Por Oskar Viéitez |