A Deputación ampliará o prazo das obras en Portonovo para que Sanxenxo non perda 500.000 euros
Por Redacción
A Deputación dará facilidades ao Concello de Sanxenxo para que poida completar as obras de humanización da contorna de Portonovo sen perder a subvención de 500.000 euros concedida con cargo ao plan provincial de mellora da seguridade en vías municipais (DepoRemse) para unhas obras cun orzamento total de 833.633 euros.
O deputado de Cooperación, Santos Héctor, recibiu este xoves ao alcalde, Telmo Martín, quen explicou as circunstancias que impediron rematar no prazo fixado no convenio coa Deputación e solicitou unha prórroga de dous meses, ata finais de outubro.
A Administración provincial valora así as extraordinarias circunstancias que rodean a execución en Sanxenxo, dado que o convenio polo que a Deputación financia o 60% do orzamento asinouse en xaneiro de 2021 e a obra comezou en abril dese ano. O ritmo de execución viuse ralentizado por factores como a folga do transporte, as dificultades derivadas da elevada presencia de turistas na zona durante o verán, os problemas de fabricación dunha lousa especial e, en xeral, pola crise de materiais e subministracións.
Santos Héctor comunicou que a prórroga deberá aprobarse no Pleno provincial, pero adiantou a vontade do Goberno de sacala adiante. "A Deputación remarca a súa vontade de lealdade institucional e cooperación con tódolos concellos como unha Administración provincial que non só transfire recursos récord, a que máis de toda España, senón que tamén sabe escoitalos e poñerse do seu lado diante das dificultades" como as sobrevidas neste caso. "Somos unha Administración municipalista, que aposta por esta provincia como un todo, e demostrámolo sempre, goberne quen goberne".
A obra permitirá a reurbanización completa da contorna do colexio de Portonovo, é dicir da rúa Areal, a travesía do mesmo nome e a rúa do Espiñeiro, na contorna do Mercado de Abastos, reemprazando as estreitas beirarrúas existentes por amplos espazos peonís, con novo mobiliario urbano e arborado. O tráfico queda resolto cun carril único que, ao redor da praza do Mercado estará pavimentado en lastro. Ademais a explanada do aparcamento quedará integrada esteticamente deixando atrás o asfalto para contar con pavimento de celosía de lousa-xardín. Renóvanse os servizos de abastecemento, saneamento e iluminación, con tecnoloxía led, e telecomunicacións e electricidade.
O plan DepoRemse, que foi o primeiro gran plan provincial pensado para gañar espazo público para as persoas nas contornas urbanas, permitiu a execución de 32 obras noutros tantos concellos de toda a provincia.
Relacionadas:
-
Inicio do asfaltado na contorna do Colexio de Portonovo con cortes de tráfico
Por Redacción |
-
O reformado pavillón de Baltar, un compromiso para abril de 2023
Por Redacción |
-
Arranca a obra que transformará a contorna do colexio de Portonovo
Por Redacción |
-
O pavillón de Baltar será completamente acondicionado cos fondos ReacPon da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello recibe dúas ofertas para executar a humanización do colexio de Portonovo e o Mercado
Por Redacción |