A plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública lamenta que a xerencia non ofreza solución ás carencias de atención pediátrica
Por Redacción
Representantes da plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública mantiñan este luns un encontro con José Flores, xerente da área sanitaria Pontevedra-O Salnés; con María Ocampo, directora de Primaria; e con Concepción Abellas e Silvia Amoedo, directora e subdirectora de Enfermería.
Desde a plataforma indican que non se concretaron solucións para as reivindicacións veciñais. Neste sentido, sinalan que o xerente non ofreceu solución ao problema actual co servizo de Pediatría. Os responsables sanitarios sinalaron que só haberá un día de atención pediátrica en Forcarei, os mércores pola tarde, que atenderá os menores de Cerdedo-Cotobade e Forcarei. Os representantes veciñais esixen un servizo de Pediatría digno para a comarca.
Pola súa banda, tamén indican que o SERGAS non atende á petición de establecemento dunha ambulancia con soporte vital básico para o Punto de Atención Continuada (PAC) de Cerdedo. Alertan de que se realizan ao redor de mil traslados de persoas en ambulancia anuais nesta zona e, por este motivo, demandan unha ambulancia medicalizada propia.
José Flores indicoulles que trasladará a demanda á xerente do 061, Adriana Regueira, e convidounos a solicitar unha reunión coa responsable para tratar este tema.
O xerente si confirmou que "en breve" haberá un profesional médico estable a diario no Centro de Saúde de Cerdedo, dado que vai a ter lugar un concurso de traslados e habería profesionais interesados no posto. Tamén se comprometeu a "tentar conseguir" que o servizo de Matrona teña un día de atención en Cerdedo.
Desde a plataforma esperan que se cumpran estas promesas e lembran que a veciñanza necesita que os seus dereitos queden garantidos.
Relacionadas:
-
O Sergas ultima o servizo de pediatría en Cerdedo-Cotobade, con consulta dúas tardes á semana
Por Redacción |
-
O xerente da área reunirase coa mesa local de Sanidade de Poio
Por Redacción |
-
A Plataforma de Cerdedo pola Sanidade Pública aplaude que recupera a matrona en Tenorio
Por Redacción |
-
O PSOE leva ao Parlamento de Galicia a falta de médicos en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Denuncian que a "precariedade" do servizo de Pediatría en Cerdedo, Forcarei e Tenorio "agravouse" nas últimas semanas
Por Redacción |
-
Piden que se investigue a "posible desatención médica" a un mozo falecido en Cerdedo
Por Oskar Viéitez |