O Hospital do Salnés estrea unha nova área de esterilización
Por Oskar Viéitez
O Hospital Comarcal do Salnés activou este luns a súa nova área de Esterilización, unha infraestrutura que duplica a superficie anterior adicada a estes procesos asistenciais.
Neste proxecto a Xunta de Galicia investiu 1,2 millóns de euros, cos importes de adxudicación, tanto de obra construtiva coma de equipamento.
Ten o seu emprazamento no andar inferior e na vertical do bloque cirúrxico do Hospital arousán, con comunicación directa mediante senllos ascensores.
No proceso de execución desta zona loxística, a Administración Sanitaria Pública galega tamén renovou completamente o equipamento do anterior servizo de Esterilización para incorporar novas estacións de lavados, de sellados e empaquetados, termodesinfectadoras, esterilizadores de última xeneración, sistemas de monitorización e de trazabilidade, cabinas de retorno, carros manuais e eléctricos de transporte, mesas de traballo e recepción de instrumental, estanterías etc.
O novo equipamento da área de Esterilización do Hospital comarcal do Salnés adáptase ás esixencias de ergonomía, calidade do proceso e rastrexabilidade, seguridade e fiabilidade, así coma ao aumento da demanda de material esterilizado no hospital arousán.
Así mesmo, esta nova área de Esterilización conta cun alto grao de informatización e capacidade para integrarse no sistema en rede de xestión integral dos procesos desenvolvidos no resto de hospitais da Área Sanitaria.
Ademais, dispón dunha capacidade adicional para procesar o resto do material xerado nas áreas intervencionistas, consultas e gabinetes, Urxencias e similares.
Relacionadas:
-
Agustín Reguera reúnese con AEMPE e agradece "o seu importante labor"
Por Redacción |
-
Atendida unha menor tras sufrir un accidente nun dos talleres de artesanía da Festa Corsaria
Por Diego Espiño |
-
Denuncian ante a Fiscalía e os servizos sociais a posible desatención dunha nena de dous anos que acabou no hospital
Por Natalia Puga |
-
Indignación en Ponte Sampaio por outro mes sen médico: "En agosto estamos todos sans? Ou é que somos de segunda?"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |