Comezan as Festas da Peregrina: "Brindade a mogollón coa familia, cos amigos, pero non fagades botellón"
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez
PREGÓN ÍNTEGRO DE PILAR SEÑORÁNS
O pregón que dá a benvida ás Festas da Peregrina regresou este sábado 12 de agosto ao balcón da antiga casa do concello da Praza de España, a súa localización histórica e emblemática, e fíxoo por todo o alto, cunha celebración multitudinaria que encheu a praza de aplausos, aclamacións de "Viva Pontevedra", confeti e flores. A pesar de que non faltaron os asubíos reivindicativos dos vendedores ambulantes, a festa fixo brillar a Boa Vila no primeiro dos nove días grandes das festas locais.
A dirixente veciñal Pilar Señoráns foi a responsable de dar o pregón, no que se definiu cun novo termo que tivo boa acollida entre os asistentes, ser PTV bis, en alusión a ser "De Pontevedra de toda a vida" e, no seu caso, "De Portas de toda a vida". "Cousiñas de Pontevedra... que a fan diferente, acolledora", engadiu.
A pregoeira deu a benvida a "forasteiros, forasteiras, amigos, amigas, familia, pontevedreses, pontevedresas, autoridades" cunha saúdo "cheo de ledicia" e orgullo por dar a benvida ás Festas da Peregrina e fixo un percorrido pola súa historia vital, que está moi vencellada á propia histórica do casco histórico da cidade desde que chegou a vivir a Pontevedra procedente de Portas, o seu pobo natal.
Lembrou Pilar Señoráns a loita da asociación de veciños Santa María, que preside na actualidade, contra o botellón que se celebraba no casco histórico ata que en 2007 a ordenanza antibotellón ou, como a ella lle gusta chamarlle, "ordenanza de ocio ao aire libre" lle puxo fin. "Cando espertamos na madrugada de agosto do 2007 algo máxico sucedeu... acontecía algo parecido á lenda de San Ero, co canto dun merlo", explicou daquel primeiro día.
Tamén lembrou a restauración de rúas e canalizacións de servizos da zona, pois ata que a día de hoxe poucas rúas quedan sen restaurar "nunca paramos de loitar e sempre, en xeral, tivemos respostas" e fixo unha mención especial á Real Basílica de Santa María, considerada coma a 'Perla da Arte Galega', "pola grandiosidade que desprende para o centro Histórico".
Para estas festas ás que dá a benvida, Señoráns animou tanto a visitantes coma a residentes a "admirar o noso patrimonio pontevedrés, coñecer todos os recunchos que ofrece, sentir a maxia da zona coas súas gárgolas, columnas, retablos pétreos, vistas á cidade... as pedras 'vivas' que falan sen articular o que fai que a agarimemos, conservemos e nos sintamos orgullosos coma pontevedreses deste remanso", en alusión ao centro histórico, do que se declara "namorada dende sempre".
Cun "Viva Pontevedra!" puxo remate ao pregón, no que animou aos presentes e a toda a poboación: "Brindade a mogollón coa familia, cos amigos, pero non fagades botellón".
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que Pontevedra é "unha cidade acolledora" que recibe a visitantes e a pontevedreses que "desgrazadamente están fóra"e cada ano regresan polas festas.
Ao seu carón, no balcón, non faltaron os concelleiros do Goberno local Eva Vilaverde e Demetrio Gómez; os edís da oposición Iván Puentes (PSOE) e Rafa Domínguez (PP); o delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera; e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López. Na praza de España había outros integrantes da Corporación municipal.
Na praza seguiron o pregón unha multitude de persoas, que aplaudiron o pregón de Pilar Señoráns e non faltaron á cita co confeti que desde o balcón inunda a praza e co reparto de flores coas cores branca e azul de Pontevedra para a posterior ofrenda á Virxe e de edicións en papel do pregón.
Relacionadas:
-
Un incidente cun cliente nunha discoteca acaba con dous denunciados por non ter carné de porteiros
Por Natalia Puga |
-
O arranque das Festas da Peregrina, "un éxito" coa cidade "petada todos os días"
Por Natalia Puga |
-
Luís López pide forza á Peregrina contra as fendas de xénero, "a estas alturas de século XXI, unha realidade intolerable"
Por Natalia Puga |
-
Los Tres Soles del Paraguay abren oito noites musicais
Por Diego Torrado & Redacción |
-
O traslado da carroza procesional abre o programa relixioso das Festas da Peregrina
Por Oskar Viéitez & Natalia Puga |
-
Os ambulantes levan as súas reivindicacións ao pregón e reciben críticas: "hoxe non é un día para ningunha protesta"
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- A Boa Vila comeza as festas cantando
Por Mónica Patxot |