Juri Sena aterrou esta semana en Pontevedra acompañada da súa nai e a súa tía, Chiharu Shibahara e Chika Sakamoto, respectivamente. Para ela e a súa proxenitora é a primeira vez que visitan as Rías Baixas. A nova é actriz e modelo no seu país, Xapón. O seu anfitrión é outro compatriota, o doutor René Saito, quen ten xunto á súa parella o seu "refuxio de paz" en Cotobade. A través de Saito, o arquitecto Mauro Lomba, exerce estes días de cicerone.
Todos eles comparten un intre de charla no podcast 'Cara a cara'. Juri Sena actualmente aparece na canle da televisión pública xaponesa NHK - un dos tres máis vistos do país -, nunha serie dramática. "É parte do meu soño e de empezar a miña carreira onde me quero desenvolver", di Juri, que tamén quere compaxinar coa modelaxe, para o que xa ten unha oferta laboral unha vez que termine a rodaxe da serie.
Esta moza inspirou igualmente unha personaxe de manga "en Xapón e Corea o manga está moi presente. É unha forma tamén de proxectar a miña carreira profesional". A arquitectura, a natureza, a paisaxe, a cultura, a gastronomía ou o vínculo desta poboación co mar son cuestións das que desde o primeiro día de estancia estivo empapándose. Mesmo xa nos deixa unha presentación en español.
Unha das convocatorias festivas ás que vai acudir é o Baile da Peregrina do Liceo Casino. Juri Sena será unha das mozas que se presenten en sociedade e estará apadriñada por René. Ocasión que, cóntanos, aproveitará para seguir aprendendo "máis cultura, máis inspiración". Sinalar que en Xapón celébrase o Día da Maioría de Idade. Neste caso trátase dunha festa pública - ese día está declarado festivo nacional -, na que as e os mozos celebran a súa entrada na idade adulta ao cumprir os 18 anos (ata o 2018 era aos 20 anos de idade).
O programa completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e pódese descargar tamén na web de PontevedraViva Radio.