O Consello da Cultura Galega insta a abordar os proxectos eólicos de forma "máis coidadosa e integrada"
Por Redacción
O Consello da Cultura Galega acaba de divulgar un informe sobre o Parque Eólico Acibal no que anima á administración e ás partes implicadas a adoptar unha abordaxe "máis coidadosa e integrada" no desenvolvemento eólico, respectando a riqueza patrimonial e cultural da Galicia.
O informe é resultado dunha petición das entidades Ecoloxistas en Acción Galiza Atlántica e Verde, Petón do Lobo, Cova Crea e diferentes colectivos veciñais para que se manifestara sobre a posible afectación ao patrimonio cultural e aos achados arqueolóxicos do Monte Acibal, en Moraña.
Unha vez recibido, desde a plataforma Amil Sen Eólicos destacan que "pon de relevo as deficiencias significativas na protección do patrimonio cultural" deste parque e "enfatiza o insuficiente recoñecemento e salvagarda adecuados dos elementos patrimoniais naturais e culturais" durante o proceso de tramitación e execución.
Este colectivo lembra que a falta dunha identificación previa do patrimonio cultural, incluíndo elementos arqueolóxicos e inmateriais, "tivo como resultado danos irreparables", como a deslocalización de petróglifos, importantes manifestacións do arte rupestre galega.
O estudo destaca a carencia dunha avaliación completa do impacto sobre a paisaxe cultural na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) de 2021. "Os valores históricos, culturais e naturais da área non foron debidamente considerados, dando lugar a consecuencias negativas para a paisaxe e o medio ambiente", sinala Amil Sen Eólicos.
Lembran, ademais, que a mobilización social das comunidades locais, que traballaron arduamente para documentar e preservar o patrimonio natural e cultural afectado polo parque eólico, non recibiu o recoñecemento axeitado por parte da administración. A participación das comunidades locais na toma de decisións "foi desatendida, prexudicando a transparencia e o acceso á información relevante", sinalan.
O Consello da Cultura Galega sinala a necesidade urxente dunha avaliación cualitativa das políticas públicas relacionadas co desenvolvemento eólico na Galicia e recomenda que as avaliacións de impacto ambiental futuras para proxectos eólicos teñan plenamente en conta os valores culturais, naturais e da paisaxe, garantindo unha abordaxe holística e sostible.