A Festa do Albariño contará cun dispositivo especial de seguridade
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o alcalde da localidade, Samuel Lago; o coronel xefe provincial da Garda Civil, Simón Venzal; e responsables da Policía Local e da seguridade municipal, aprobaron un operativo para garantir a seguridade en Cambados durante a celebración da Festa do Viño Albariño, que se celebrará do 2 ao 6 de agosto.
Deste xeito, as accións que levarán a cabo os Corpos e Forzas de Seguridade serán unha serie de controis de circulación e operativos especiais nos accesos a Cambados, contando con medios terrestres e aéreos e pola activación de controis de alcoholemia e drogas; a coordinación para garantir a seguridade na localidade durante o desenvolvemento dos actos e a instalación dunha caravana morada.
A caravana morada é un punto de información, asesoramento e axuda ante calquera tipo de agresión ou problema que sufra calquera persoa polo que, tal e como indicou a subdelegada, contará con dous profesionais: unha traballadora social que informará á cidadanía sobre os distintos recursos, e unha psicóloga que atenderá consultas, realizará acompañamento a posibles vítimas ao centro de saúde, ou ofrecerá atención psicolóxica ante posibles incidencias.
Ademais, a caravana intervirá tamén en caso de que se presente algún menor e haxa que acompañalo ata que unha persoa adulta a recolla, se alguén se perde, ou se algunha muller queda soa.
Maica Larriba agradeceu a iniciativa do Concello para dispor durante os festexos dunha caravana morada e destacou o compromiso do alcalde, Samuel Lago, a prol da igualdade e a loita contra a violencia de xénero neste evento de interese turístico internacional e demandou aos asistentes "desfrutar dos festexos con responsabilidade", agardando que "sexan unhas magníficas festas do Albariño 2023".
Relacionadas:
-
Coronación en Fefiñáns de Donas e Cabaleiros
Por Redacción |
-
Gran afluencia de público na inauguración da Festa do Viño Albariño
Por Oskar Viéitez |
-
Habilitan un servizo especial de autobús entre Cambados e Pontevedra para regresar da Festa do Albariño
Por Redacción |
-
Cambados e Combarro, as vilas máis bonitas para visitar en parella
Por María José Pita |
-
Polémica arredor das denuncias de "picadas" a mulleres nas Festas do Albariño
Por Redacción |