Gran afluencia de público na inauguración da Festa do Viño Albariño
Por Oskar Viéitez
Numeroso público asistiu este mércores en Cambados á inauguración da LXXI Festa do Viño Albariño coa apertura das 42 casetas instaladas no Paseo da Calzada onde 41 adegas da denominación de orixe mostrarán as súas elaboracións ao público ata o vindeiro domingo 6 de agosto.
O pregón de teatro Caracol desde o balcón do Concello deu paso ao corte da cinta inaugural no que participaron o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López; o alcalde de Cambados, Samuel Lago e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Isidoro Serantes, que agradeceu o traballo "de todos os adegueiros e viticultores que participan nesta festa".
O responsable autonómico de Medio Rural destacou que "71 edicións reflicten a importancia que ten a Festa do Albariño, que non deixa de ser a festa de exaltación dun produto extraordinario como é o viño albariño".
Por iso, José González convidou a todos os que se acheguen a Cambados a "consumir con moderación pero que saiban que detrás dunha botella de viño hai paisaxe, territorio, valor engadido, historia dunha comarca".
O alcalde de Cambados celebrou poder festexar esta nova edición da Festa xa que "estabamos impacientes de que chegase por todo o traballo de organización que conleva e que quero poñer en valor".
A actividade no Paseo da Calzada, que se estenderá ata o domingo 6 de agosto, combinarase coa XII Túnel do Viño Rías Baixas, no Salón de Congresos e Exposicións José Peña e que constitúe unha contorna profesional para coñecer os viños que se elaboran na denominación de orixe.
Os visitantes poderán degustar 164 marcas.
A Xunta activará servizos de autobús especiais para a Festa do Albariño nas madrugadas do 5 e do 6 de agosto con dous servizos desde Cambados cara a Pontevedra que sairán ás 07,00 e ás 08,35 horas.