Cambados e Combarro, as vilas máis bonitas para visitar en parella
Por María José Pita
A revista National Geographic incluíu a Cambados e Combarro entre "as cen vilas máis belas de España que merecen unha viaxe no 2023".
Foron os redactores especializados en viaxes da revista os encargados de escoller as localidades da España rural imprescindibles para viaxar durante o ano.
Realizada esta lista baixo os criterios editoriais dos diferentes membros de Viajes National Geographic, as razóns que achegan encaixan á perfección cun plan de parella ao redor do Día dos Namorados.
Neste top cen atópanse cinco municipios de Galicia: dous na provincia de Pontevedra (Cambados e Combarro), dous en Ourense (Allariz e Ribadavia) e un en Lugo.
RAZÓNS PARA VISITAR CAMBADOS
Para National Geographic "as miradas en Cambados concéntranse na Torre de San Sadurniño e en Santa Mariña de Dozo".
Prosegue a súa recomendación polos viños albariños que "evocan terra e paisaxe".
A continuación, unha parada no Miradoiro da Pastora, que "confirma a privilexiada localización de Cambados xunto á ría de Arousa". A poucos metros desta atalaia, áchase "o espectáculo de Santa Mariña de Dozo, unha construción de estilo gótico mariñeiro que é unha das ruínas máis fotoxénicas de España".
Destaca a calidade da súa arquitectura e un considerable número de pazos, entre os que enumera o Pazo de Torrado, actualmente convertido en museo e "un dos mellores exemplos de arquitectura civil do século XVIII", ou o Pazo de Bazán, "que pertenceu aos antepasados da escritora Emilia Pardo Bazán e que desde 1966 é o Parador de Cambados".
Remata este percorrido na Praza de Fefiñáns, outro lugar de imprescindible visita e sobre a que "din que é a segunda [praza] máis bela de Galicia, despois da compostelá".
RAZÓNS PARA VISITAR COMBARRO
Para a revista especializadas en viaxes "o conxunto histórico de Combarro, declarado Ben de Interese Cultural, é unha suma de sensacións", como a pedra gris do granito, as madeiras pintadas ou o cheiro a mar e campo.
"Como boa vila mariñeira, a Praza da Chousa xunto ao porto é o punto de partida", indica a revista de viaxes, lugar onde o visitante verá "os primeiros hórreos de Combarro". Deles, "o singular é que a maioría están tan preto da auga que os seus piares chegan a cubrirse coa marea alta, case coma se fosen levantar áncora en calquera momento".
Como referencia destas construcións populares, noméase a Rúa do Mar como "a rúa máis popular e pintoresca do conxunto histórico" e a "máxima apoteose do hórreo galego, co maior número destes e os máis fermosos". Hórreos que conviven coas "tendiñas de recordos e as tabernas mariñeiras con boas vistas e mellores manxares, en forma de polbo á feira, mexillóns, ameixas ou zamburiñas". O paseo continúa ata a Praza da Fonte e, finalmente, desemboca na praia do Padrón.
Deste areal non achega máis referencias, pero sen dúbida a praia do Padrón é un dos lugares preferidos polas parellas para pasear e fotografarse coa paisaxe de fondo das palleiras que discorren á beira do mar, unha experiencia que só se pode gozar coa marea baixa.