Denuncian unha "fenda de xénero brutal" no servizo de limpeza que presta Acciona nos hospitais de Pontevedra
Por Natalia Puga
O sindicato CC.OO. denunciou este mércores unha serie de "graves incumprimentos" por parte da empresa Acciona como concesionaria do servizo de limpeza dos hospitais Montecelo e Provincial de Pontevedra, entre eles, que non aplica o convenio colectivo en moitos aspectos, provocando unha situación que afecta a pacientes e a traballadores e que xa foi denunciada na Inspección de Traballo.
Un dos incumprimentos do convenio é o relativo á comisión de igualdade de oportunidades no traballo que debería constituír.
Neste campo, no servizo de limpeza hospitalaria hai "unha brecha de xénero brutal" que, en palabras de José Luis García Pedrosa, secretario de organización de CC.OO. Pontevedra, "non se dá nestes momentos en ningún centro de traballo nin público nin privado".
O 90% do persoal son mulleres e non hai ningunha cun posto de responsabilidade, todas son limpadores e mesmo acaba de producirse unha xubilación dun encargado e, en lugar de nomear a unha muller, suprimiron o posto e substituírono por un de limpador.
García Pedrosa compareceu en rolda de prensa acompañado por traballadoras da empresa concesionaria e puxo sobre a mesa situacións que xa afectan tamén os pacientes e os seus acompañantes, pois Acciona debe fornecer de papel hixiénico e de secado de mans a ambos os hospitais e nos últimos tempos usou material que aseguran que é dunha "calidade deficitaria".
Segundo denuncia Comisións Obreiras, mesmo usaron unha partida de papel hixiénico "dunha soa capa e de mala calidade", unha situación que puxeron en coñecemento do Servizo Galego de Saúde a través de cargos intermedios.
O sindicato critica que estes cargos intermedios non actuaron. "Non pode ser que se dea esta situación e que non se ordene a retirada", insiste García Pedrosa, moi crítico coa falta de actuación por parte da Xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
"O xerente ten que tomar cartas no asunto", pide ou responsable de CC.OO, que tamén critica que Acciona incumpre o convenio en canto á non aplicación do complemento de equiparación profesional ou aos trienios e antigüidade dos traballadores e traballadoras, obrigando a acudir á vía xudicial para que se lle recoñezan estes dereitos.
Nestes momentos hai, polo menos, cinco casos xudicializados e tamén está na Inspección de Traballo unha denuncia de CC.OO. sobre a que Acciona non actuou, cunha actitude de "pasotismo total e absoluto".
Outro incumprimento denunciado é que non se empezou a aplicar a redución das horas de traballo que se aprobou para todo o persoal do Sergas e de aplicación para este servizo para partir do 1 de xullo, situación que se suma a que "non se cobren as baixas e as vacacións".
Todos estes incumprimentos e o uso dun material de traballo que aseguran que non reúne as condicións adecuadas serán denunciadas de novo na Inspección de Traballo e CC.OO. anuncia unha campaña de denuncia pública a través de pancartas e folletos informativos que se entregarán aos usuarios.
Relacionadas:
-
Suspendido o concurso de contratación do servizo de limpeza dos hospitais de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Denuncian a sobrecarga de traballo nos servizos de limpeza do Complexo Hospitalario de Pontevedra
Por Alba Feijoo Alonso |
-
Persoal de Acciona sae á rúa para reclamar a readmisión dunha traballadora da limpeza hospitalaria
Por Redacción |
-
Protesta dos traballadores de limpeza de Montecelo e o Provincial polo despedimento dunha compañeira
Por Redacción |
-
Anuncian protestas do persoal de Acciona nos hospitais tras o despedimento dunha traballadora da limpeza do Provincial
Por Anxo Lourido |
-
Comisións Obreiras denuncia a discriminación de xénero existente no servizo de limpeza hospitalaria
Por Oskar Viéitez |
-
O persoal de limpieza do Provincial e Montecelo convoca unha folga a partir de 2 de maio
Por Manu Otero |
-
"Por un convenio digno. Acciona negocia xa!", clama o persoal de limpeza de Montecelo e o Provincial
Por María José Pita |