"Por un convenio digno. Acciona negocia xa!", clama o persoal de limpeza de Montecelo e o Provincial
Por María José Pita
Simultaneamente, ás 10:00 horas, os traballadores da limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo realizaban este martes 11 de xaneiro a primeira das concentracións anunciadas fronte á porta principal dos dous centros pontevedreses.
O motivo desta mobilización débese a que a empresa concesionaria do servizo de limpeza de ambos hospitais pertencentes á Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés detivo as negociacións do convenio colectivo, coa suspensión da reunión prevista para o pasado 20 de decembro e sen ofrecer unha data alternativa nin unha razón.
"Nós actuamos de boa fe en todo momento, esperamos, esperamos e esperamos, e agora vémonos abocados a estas mobilizacións", manifesta Nicolás Sobrado, presidente do Comité de Empresa do persoal de limpeza de Acciona no Hospital Provincial, e que estaba presente acompañando aos seus compañeiros, moitos deles recentemente saídos da súa quenda.
A negociación do convenio colectivo do persoal de limpeza destes hospitais públicos leva paralizada desde 2016, cando a concesionaria era Grupo Norte Limpisa. En setembro do pasado ano os sindicatos retomaron as conversacións, neste caso con Acciona, pero só se puideron realizar catro reunións nas que non se alcanzou ningún acordo. "Por un convenio digno. Acciona negocia xa!" era o lema que se vía nas pancartas que encabezaban as concentracións. En todas estas accións, os tres sindicatos que representan aos traballadores (CIG, CC.OO. e UXT) acordaron facer unha fronte común.
Acciona é tamén concesionaria do servizo de limpeza dos hospitais vigueses Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro onde si se culminou a negociación, mesmo co recoñecemento de mellores condicións salariais para os traballadores. Neste sentido, Sobrado engade que "nós no que máis estamos na loita é polo complemento de perigosidade porque estamos sumidos a estar nas habitacións cos pacientes, agora hai moitas enfermidades respiratorias e estamos nunhas condicións que non nos atopamos de todo cómodos". En canto a cifras, este recoñecemento do complemento de perigosidade constituiría un incremento salarial duns 30 euros, segundo estimacións deste traballador.
Fontes sindicais calculan que no Hospital Montecelo o cadro do persoal de limpeza está formado por aproximadamente 70 traballadores e no Hospital Provincial sobre 50 limpadores. As baixas afectan especialmente a este colectivo, en ao redor de 8 traballadores por centro hospitalario. "O que tivemos na primeira onda foi un reforzo por quendas e agora mesmo temos dous reforzos, un que está partido e un reforzo á noite", apunta o presidente do Comité de Empresa á vez que reclama que se estuden as necesidades de persoal, cuxas funcións se viron incrementadas coa pandemia. "Se para unha limpeza covid hai que dedicarlle máis tempo, ao final estamos máis axustados en todos os tempos, por falta de persoal ou por falta de reforzo", remarcaba Sobrado.
Esta primeira concentración é unha chamada de atención tanto á empresa concesionaria como ao Servizo Galego de Saúde, para que coñezan as penosas condicións nas que está a desenvolver o seu traballo o persoal de limpeza de dous hospitais que son públicos.
Tras o anuncio a semana pasada nunha rolda de prensa desta serie de concentracións (para este martes e os días 13, 18 e 20 de xaneiro), a concesionaria Acciona púxose en contacto co Comité de Empresa para fixar unha reunión para o 19 de xaneiro. Desde o Comité de Empresa móstranse receptivos pero con moitas dúbidas sobre que vai a exporlles a empresa, tendo en conta que nos catro encontros anteriores non accedeu ás pretensións dos traballadores e anulou a que sería a quinta reunión.
Previa a esta cita do mércores 19, os traballadores da limpeza manterán o seu calendario de concentracións e non descartan, no caso de que non avancen as negociacións, convocar unha folga de limpeza nos hospitais Provincial e Montecelo.
Relacionadas:
-
Denuncian unha "fenda de xénero brutal" no servizo de limpeza que presta Acciona nos hospitais de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Anuncian protestas do persoal de Acciona nos hospitais tras o despedimento dunha traballadora da limpeza do Provincial
Por Anxo Lourido |
-
Comisións Obreiras denuncia a discriminación de xénero existente no servizo de limpeza hospitalaria
Por Oskar Viéitez |
-
O persoal de limpieza do Provincial e Montecelo convoca unha folga a partir de 2 de maio
Por Manu Otero |
-
Limpadores ao límite: "en Montecelo dúas persoas de noite fan todo, quirófanos, covid, todo"
Por María José Pita |
-
O persoal de limpeza de Montecelo quéixase do "sobreesforzo permanente" nas áreas de atención á covid-19
Por Oskar Viéitez |
-
Solicitan reforzos de persoal de limpeza no Complexo Hospitalario de Pontevedra para afrontar as dificultades que provoca a pandemia
Por Redacción |
-
Reclaman o plus de perigosidade para o persoal de limpeza do Hospital Provincial e Montecelo
Por Anxo Lourido |