Últimos días para solicitar unha das catro vivendas sociais de Carballedo
Por Redacción
As persoas interesadas en facerse con algunha das catro vivendas sociais do antigo Centro Médico de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, teñen xa os días contados para facelo. O prazo para as solicitudes remata o vindeiro xoves 20 de xullo.
Estas catro vivendas son o resultado dos traballos de rehabilitación realizados no antigo centro médico de Carballedo para convertelo nun edificio con utilidade social dividíndoo en dúas vivendas de 126 metros cadrados e dúas de 73 metros cadrados.
Esta actuación supuxo un investimento de 500.000 euros a través da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, sen cargo para as arcas municipais.
Poderán solicitar unha vivenda de ocupación temporal social as persoas físicas para si ou para a súa unidade familiar que, pola súa situación ou polos seus escasos recursos, non poidan acceder a unha vivenda de ocupación temporal a prezo de mercado e nas que concorran, entre outros requisitos, ser maior de idade ou menor con emancipación concedida e non ter incapacidade de obrar.
A persoa solicitante deberá acreditar a residencia legal, efectiva e continuada no Concello de Cerdedo-Cotobade durante un período polo menos un ano con anterioridade á data da solicitude.
Ademáis, o solicitante, ou calquera outro membro da unidade familiar, non pode ser titular dunha vivenda en réxime de propiedade de pleno dominio ou dun dereito real de uso ou goce sobre outra vivenda. Este requisito non será de aplicación no caso de sentenza xudicial de separación ou divorcio cando como consecuencia deste non se lle adxudicara o uso da vivenda que constituía a residencia familiar, e para os casos de tratárense de vivendas non axeitadas.
Deberase acreditar por parte da unidade familiar que non se superan os ingresos máximos establecidos, o valor, en euros, do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) calculado en 12 pagas. As unidades familiares que dispoñan dun importe bancario superior a 12.000 euros, serán excluídas do proceso.