Dous irmáns que avalaron unha empresa familiar, exonerados dunha débeda de 2,5 millóns pola Lei da Segunda Oportunidade
Por Natalia Puga
O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra aplicou a Lei da Segunda Oportunidade para exonerar a dous irmáns que avalaron unha empresa familiar dunha débeda de 2.588.268 euros.
Os irmáns solicitaron a declaración de concurso voluntario sen masa aténdose á citada a Lei da Segunda Oportunidade e o maxistrado, Manuel Marquina, acordou concedelo.
O maxistrado puido constatar que ambos carecen de activos e que non achegarán liquidez suficiente para satisfacer os gastos que xere o propio proceso concursal.
Tomou esta decisión "á vista das alegacións formuladas", e tendo en cuenta a documentación achegada, pois puido constatar a existencia de "un estado de insolvencia actual" de ambos ou, polo menos, de insolvencia inminente”, pois acumulan débedas vencidas por importe de máis de dous millóns.
Os dous autos ditados polo xulgado recalcan que, tanto dos documentos achegados como da investigación patrimonial acordada á vista da manifestación dos solicitantes de que carecían de calquera activo, resultan "indicios suficientes da inexistencia de bens e dereitos que poidan ser embargables".
Por iso, declarou que se trata de dous concursos sen masa, o que implica a exoneración da débeda superior a 2,5 millóns.
O concurso ten a consideración e carácter de voluntario por ser instado polos propios debedores.
A partir de agora, os acredores que representen, polo menos, o 5% da débeda teñen un prazo de 15 días para solicitar o nomeamento dun administrador concursal para que presente informe
Contra estes autos cabe unicamente a posibilidade de presentar recurso de reposición ante o mesmo Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra.