Ence iniciará o domingo a súa parada técnica anual, que se prolongará ata o 5 de xullo
Por Redacción
A fábrica de Ence en Pontevedra iniciará o vindeiro domingo a súa parada técnica anual, que se prolongará ata o 5 de xullo.
Durante esta parada executarase un ambicioso plan de traballo para incorporar novas tecnoloxías e mellorar as xa existentes, cun investimento de aproximadamente 14 millóns de euros. Desta cantidade, preto de 13 millóns de euros correspóndense con investimentos destinados aos labores para o mantemento da eficiencia e excelencia en sustentabilidade da factoría. A este investimento sumarase máis de 1 millón de euros de investimentos extraordinarios, orientados a melloras en eficiencia e dixitalización, para manter a Ence Pontevedra á cabeza do seu sector.
A seguridade e a saúde de todas as persoas relacionadas coa actividade de Ence representan unha prioridade para a compañía. Por iso, supervisarase rigorosamente o cumprimento de todas as medidas de seguridade dentro da fábrica, na que operarán durante esta parada máis de 1.800 traballadores adicionais aos empregados habituais da planta.
Informan desde a empresa que Ence aposta decididamente por investir e crear actividade na comarca de Pontevedra. Por esta razón, gran cantidade das empresas auxiliares que traballarán durante a parada técnica son galegas, ás que hai que sumar outros servizos como o aloxamento ou manutención dos traballadores, prestados por negocios da contorna da cidade pontevedresa.
Para a pastera, a parada técnica das súas fábricas é un momento clave porque durante a mesma optimízanse varios dos eixos primordiais do seu modelo xestión relacionados co coidado do medioambiente. Neste sentido, cabe lembrar que esta instalación foi recoñecida coa etiqueta ecolóxica “Nordic Swan”, ademais do certificado “Residuo Cero” de AENOR; e a súa celulosa recibiu a etiqueta EU Ecolabel. Así mesmo, a súa biomasa foi acreditada baixo o esquema “SURE”, que asegura a súa sustentabilidade.
Relacionadas:
-
Así imaxinan os futuros arquitectos unha ría sen a fábrica de ENCE
Por Redacción |
-
O Estado tamén pide a nulidade da sentenza do Supremo sobre Ence
Por Oskar Viéitez |
-
O beneficio de ENCE duplícase tras a sentenza do Supremo que garante a permanencia da fábrica de Lourizán
Por Oskar Viéitez |
-
Ence reafirma o seu compromiso coa economía local a través do Plan Social
Por Noticia patrocinada |