A terceira edición do certame literario Pinto e Maragota xa está en marcha
Por Redacción
A terceira edición do Premio Literario Pinto e Maragota xa está en marcha. O Concello de Pontevedra, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, lanza unha nova edición deste certame coa finalidade de visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero.
As obras presentadas deberán ter presente no seu argumento, como temática principal ou transversal, a diversidade sexual e de xénero, establecéndose un único premio de 3.000 euros que fará efectivo o Concello de Pontevedra.
Tal e como explica a concelleira de Igualdade, a socialista Yoya Blanco, "o xénero literario das obras poderá ser novela, teatro ou poesía, tanto para público infantil, xuvenil como adulto. No caso de optar por novela ou obra dramática para o público adulto, o texto deberá ter unha extensión total mínima de 90.000 caracteres con espazos. No caso de poesía para público adulto, sería un mínimo de 500 versos, de forma libre. As obras para o público infantil non terán extensión mínima requerida".
As persoas que desexen participar deberán enviar os traballos en formato pdf por correo electrónico, co asunto 'Para o III Premio Literario PINTO E MARAGOTA', ao enderezo electrónico igualdade@pontevedra.eu.
Deberanse incluír no email dous arquivos: un co orixinal, que terá que presentarse baixo un lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a; e outro co nome completo, idade, enderezo, teléfono, título da obra e número de conta. O prazo de presentación pecharase o xoves 29 de xuño ás 23:59 horas.
"O premio outorgarase tendo en conta en xeral o nivel de calidade literaria da obra e o tratamento da temática da diversidade de sexo e xénero dentro da mesma. Cada autor ou autora poderá presentar cantas obras queira, en envíos separados. Calquera dúbida sobre o contido desta convocatoria será atendida polo Centro de Información á Muller (CIM)", precisou Blanco.
Nas anteriores edicións do Premio Literario Pinto e Maragota resultaron gañadoras as novelas Cobiza, da escritora María Reimóndez, e Estranxeiras, da realizadora audiovisual Carmen P.G. Granxeiro.
Relacionadas:
-
A obra 'Todo o que doe' de Carmen Caramés, gañadora do III Literario Pinto e Maragota
Por Redacción |
-
RADIO.- Despois de 'Ana (Tramel)', Roberto Santiago trae 'La rebelión de los buenos' co Premio Fernando Lara 2023
Por Marisa Ciordia |
-
Pinto e Maragota forma a estudantes pontevedreses sobre a historia da disidencia sexual en Galicia
Por Redacción |
-
Os soportais do Campillo de Santa María acollerán este domingo o Concurso Tortilleiro
Por Redacción |
-
Carme P.G. Granxeiro, protagonista do Vermú de Pinto e Maragota na Libraría Paz
Por Redacción |