Os soportais do Campillo de Santa María acollerán este domingo o Concurso Tortilleiro
Por Redacción
O progrma municipal pola diversidade sexual "Pinto e Maragota", impulsado pola Concellería de Igualdade de Pontevedra, regresa cos seus "Vermús" este domingo 20 de novembro aos soportais do Campillo de Santa María e terán como novidade a celebración do seu I Concurso Tortilleiro.
O certame, que dará comezo ás 13:00 horas, estará amenizado por unha sesión de música 'petarda' a cargo de Palito DJ e entregará como premio á mellor tortilla que se elabore un menú degustación para dúas persoas no restaurante pontevedrés O Eirado da Leña. O evento conta coa colaboración do bar La Hormiga, que ofrecerá vermús con desconto ao público asistente.
Tal e como explica a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, "poderán participar neste I Concurso Tortilleiro de Pinto e Maragota tódalas persoas que o desexen, sen inscrición previa e haberá un único galardón á mellor tortilla de patacas tradicional, polo que os ingredientes permitidos serán aceite, ovos, patacas, sal e cebola, opcional, para non entrar en vellos debates".
As tortillas traeranse xa cociñadas aos soportais do Campillo de Santa María o propio domingo ás 12:45 horas. Cada unha será identificada cun número que se anotará no exterior dun sobre pechado, dentro do cal figurará o nome e apelidos da persoa que concursa e o seu teléfono.
As tortillas serán divididas en porcións para a súa degustación, primeiro polo xurado e posteriormente polo público asistente. Segundo aclara Yoya Blanco, "o xurado estará conformado por tres persoas: unha en representación de Pinto e Maragota; unha polo colectivo Avante LGBT+ e unha do ámbito da hostalería pontevedresa".