Condenan o Sergas a pagar 170.000 euros tras o infarto cerebral dunha bebé nun parto no Hospital Provincial
Por Redacción
O xulgado do contencioso-administrativo nº 2 de Santiago de Compostela estima parcialmente o recurso interposto por unha nai e obriga ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a indemnizar con 170.000 euros á parte demandante por neglixencia durante o parto que tiña lugar o 28 de xuño de 2018 no Hospital Provincial.
A muller de 39 anos, segundo relata a sentenza, ingresaba no hospital pontevedrés para finalizar o embarazo que transcorrera de maneira normal. O nacemento realízase a través de uso de ventosas e finalmente con cesárea, práctica que, segundo figura no escrito xudicial, provocou un infarto cerebral do que se derivaron secuelas para a bebé, que foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo ás seis horas de nacer para ser sometida a hipotermia ante as crises clínicas e eléctricas que mostraba. A pequena presentaba un scalp, unha lesión no coiro cabeludo e un cefalohematoma.
Durante a vista oral os informes presentados polos peritos entraban en colisión. Entre outros, un especialista en Obstetricia e Xinecoloxía indicaba que a insistencia no parto vaxinal conlevou un encaixamento da cabeza da nena na pelvis materna polo que na cesárea tivo que ser impulsada a cabeza a través da vía vaxinal. Explica que a cesárea debeu iniciarse antes e que o infarto cerebral da menor tivo a súa orixe nun traumatismo obstétrico producido tanto polo inadecuado uso das ventosas como polo empuxe para desencaixar a cabeza da pelvis da nai.
Pola súa banda, Eloy Moral Santamaría, xefe do Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, que actuou como testemuña-perita durante a vista, defendeu "sen ningún xénero de dúbida a actuación dos médicos nos seus servizos, aínda que non estivo presente nos feitos", segundo indica a sentenza.
A xuíza entende que as partes codemandadas, o Sergas e unha compañía aseguradora, non presentaron explicación factible algunha ou proba consistente de boa praxe durante a intervención, ademais de entrar en "claras contradicións" sobre as traccións con ventosa e o tempo en que se empregou.
Por este motivo, o tribunal considera que as graves lesións e secuelas da bebé foron consecuencia dunha hipoxia intraútero e un traumatismo exercido sobre a cabeza do feto tras un parto con instrumentado errado e unha cesárea dificultosa.
A indemnización establecida na resolución repártese en 140.000 euros para a menor; 20.000 euros para a nai e 10.000 para o pai, máis os intereses desde que se efectuou a reclamación.
Cabe recurso de apelación a esta sentenza.