Antón Xil presenta a súa lista prometendo rebaixar un 20% o custe actual do equipo de goberno
Por Redacción
O xornalista Antón Xil presentou a lista de persoas que lle acompañarán na súa candidatura do Partido Popular co obxectivo de alcanzar a alcaldía de Ponte Caldelas. Afirma que está integrada por persoas con "sobrada capacidade de goberno e con experiencia" no tecido asociativo do municipio.
O programa electoral contempla a rebaixa nun 20% do custo salarial do equipo de goberno; eliminar a lista de espera de persoas en especial situación de vulnerabilidade que agardan para ser atendidas polo Servizo de Axuda non Fogar (SAF).
Tamén promete reabrir vivendas sociais do Concello na parroquia de Caritel para destinalas a alugueiro social que acollerían a familias con graves problemas económicos.
Tamén buscará o consenso coa veciñanza de Tourión, Mirón, Gradín e Silvoso para crear as casas do pobo. Ademais, establece como unha nova medida, entre outras, a creación dun bono-taxi para persoas de avanzada idade con problemas de mobilidade para que se despracen ao centro da vila.
A lista que encabeza Antón Xil leva como número 2 a Inés Sánchez, administrativa de notaría. O terceiro posto é para Liño Mariño da Iglesia, propietario dun taller de automoción; Elsa Ares, activista social e Fátima Pereira, campioa de cabalos de tiro, completan os cinco primeiros postos da candidatura, seguidos por Ricardo Castro, Antonio Varela, Paula Lourido, Francisco Regueira e María Teresa Pérez.
Relacionadas:
-
O Concello da Lama reclama o "máximo respecto" cara a oposición cualificada de "cacicada" pola CGT
Por Redacción |
-
CGT denuncia irregularidades na creación da praza de auxiliar bibliotecario na Lama para favorecer o candidato do PP en Ponte Caldelas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O PP presenta a Antón Xil en Ponte Caldelas como "alternativa" ante un goberno "cunha atención clientelar, populista"
Por Redacción |
-
O PP de Ponte Caldelas critica a falta de efectivos da Garda Civil no rural
Por Redacción |