Unha "candidatura con vocación de goberno" para optar á reelección de Manuel Campos como alcalde de Cuntis
Por Redacción
Unha "candidatura con vocación de goberno" que "representa o sentir de todas as parroquias" e aspira a "continuar coa transformación do municipio" iniciada hai xa 8 anos. Así presenta o PSOE de Cuntis a lista coa que se presenta ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio, encabezada polo actual alcalde, Manuel Campos Velay.
Campos Velay aspira a renovar a confianza da cidadanía cun equipo que combina experiencia e renovación e, tal e como sinalan desde o partido, tamén "ilusión, ideas e proxectos".
Non hai cambios nos números 1 e 2, pois repiten tanto Campos como, de segunda, Conchy Campos, unha persoa especialmente sensibilizada co deterioro da sanidade e ligada á reivindicación dunha atención primaria de calidade. Exerceu como tenente de alcalde nos dous mandatos de Manuel Campos.
No número 3 do equipo socialistas está a actual concelleira Ana Isabel Loureiro.
Para o cuarto posto da lista Manuel Campos aposta por unha cara nova, a de Roberto Caeiro, residente en Arcos, profesional que exerce a medicina en Cuntis e que hai catro anos formou parte da candidatura de Veciñanza de Cuntis. Un mandato despois, intégrase no PSOE.
No número 5 tamén hai unha cara nova, José Antonio González, veciño de Troáns e traballador do sector do aluminio moi vinculado ao traballo social en diferentes colectivos.
No posto número 6 está Carlos Fernández Trevillo, actual concelleiro socialista.
No segundo tramo da lista, e representando ás diferentes parroquias están Sandra Barreiro, Martín Álvarez, Antonio Fontenla, Ana María Viéites e Ana Hervés.
Como suplentes completan o equipo Manuel Parama, Ana Antolines, José Manuel Torres, María del Carmen Escariz, Lidia Cerviño, Delia González, Daniel Hervés, Beatriz Loureiro, María Victoria Aboy e José Paz Castro, a quen Manuel Campos lle pediu que pechase esta candidatura como recoñecemento simbólico a un militante histórico "sempre disposto a traballar por Cuntis e a colaborar en todo".