O PP ve a Sito Gómez como sucesor de dous grandes alcaldes en Moraña, Luisa Piñeiro e José Cela
Por Redacción
A Carballeira de Santa Xusta acolleu este sábado un xantar para presentar a candidatura coa que o PP de Moraña concorre ás municipais do 28 de maio, e que reuniu a máis de 300 persoas, entre elas a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o presidente provincial, Luis López; e a secretaria xeral provincial e número 2 de Moraña, Luisa Piñeiro.
Paula Prado sinalou que o candidato do PP á Alcaldía de Moraña, Sito Gómez, e o seu equipo son "un seguro de vida" porque "levan Moraña no seu corazón, e ese é o primeiro paso e o máis importante".
Para ela, a candidatura é "a mellor garantía de que esa Moraña que medrou con Luisa Piñeiro, que se consolidou con José Cela, e que tanto ten aínda por ofrecer, seguirá sendo un concello referente en Galicia".
Pola súa banda, o candidato amosouse agradecido por todo o apoio que está recibindo dos veciños e recoñeceu que afronta esta nova etapa "con moito entusiasmo, ilusión e gañas para traballar con humidalde, compromiso e proximidade".
Sito Gómez dixo que apostarán por unha educación de calidade, cunha oferta cultural atractiva, con novas infraestruturas deportivas, como por exemplo un circuíto de atletismo "pero a miña ambición principal será contribuír e avanzar no proxecto que leva transformando e modernizando Moraña nos últimos doce anos, primeiro con Luisa Piñeiro e nos últimos anos con José Cela".
A candidatura que presenta o PP de Moraña está comporta por José Luis "Sito" Gómez (1), Luisa Piñeiro (2), Alberto Caldas (3), Adrián Fernández Albor (4), María José García (5), Andrea Domínguez (6), Mercedes Campos (7), Jaime Abal (8), Rocío Blanco (9), Javier Ruibal (10), Eliana Rubianes (11).