Europa concede máis de 2,7 millóns de euros para a reforma da Santiña e instalación de sensores para mellorar o tráfico
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, mostrábase moi satisfeito coa notificación por parte do Goberno do Estado da concesión de 2.767.053 euros a Pontevedra por parte da Unión Europea dentro dos fondos destinados a Zonas de Baixas Emisións.
"É un gran día para Pontevedra", sinalou o rexedor ao anunciar este investimento porque entende que este diñeiro demostra que a fórmula do goberno local de aplicar tráfico restritivo é válida para reducir as emisións dos vehículos sen necesidade de "irlle ao peto dos veciños" sen obrigar a cambiar os coches nin pagar por entrar na cidade.
O diñeiro da subvención europea destínase á reforma da Santiña onde se investirán 1.606.500 euros desta subvención, preto do 90% do orzamento previsto que alcanza os 1.804.914 euros, mentres que o outro proxecto subvencionado consiste na instalación de sensores para controlar a mobilidade, parámetros de contaminación e fluxos de tráfico na cidade recibirá 1.160.000 euros destes fondos para unha iniciativa orzamentada en 1.560.300.
Fernández Lores mostrouse especialmente satisfeito porque o proxecto da Santiña permitirá finalizar a mellora do Camiño Portugués a Santiago en todo o ámbito urbano, polo que circulan máis de 100.000 turistas todos os anos.
Explicou que con este diñeiro poderase profundar na mellora do ambiente e na loita contra o cambio climático. Indicou tamén que este financiamento europeo permitirá "liberar parte do orzamento" para realizar outros investimentos en distintos proxectos.
Relacionadas:
-
A reforma da Rúa Santiña sairá a licitación a próxima semana
Por Oskar Viéitez |
-
Queda atrapada co seu coche na Rúa Santiña queixándose da mala sinalización tras o rebentón dunha tubaxe
Por Diego Espiño |
-
O Concello de Pontevedra, "ate o moño" de Patrimonio pola paralización da reforma da rúa Santiña
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Pontevedra leva conseguidos a metade dos 20 millóns de euros solicitados aos Next Generation
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A zona de tráfico reducido do casco urbano estenderase a Monte Porreiro, Estribela e O Burgo
Por Alejandro Espiño |