Luz verde á urbanización do polígono da Granxa, en Sanxenxo, cun 20 % menos de vivendas
Por Redacción
O salón de plenos de Sanxenxo acolleu este martes unha sesión extraordinaria que serviu para dar luz verde á modificación puntual definitiva do SU-1 de Sanxenxo, situado no lugar da Granxa en Dorrón, cun 20 % de redución de vivendas e un importante plan de reforestación que mellorará o espazo verde do ámbito.
A portavoz do goberno, María Deza, enmarcou a actuación dentro da suspensión de licenzas dos chans urbanizables en 2018. “As premisas dos convenios que asinamos foron rebaixar a densidade e a edificabilidade e liberar espazo adaptando as construccións á paisaxe”, explicou.
Neste caso, os parámetros modificados no SU-1 son as reducións de edificabilidade de 357 vivendas planeadas a 281. “Estaba xa practicamente urbanizado, pero aínda así chegamos a un acordo para que se cambiase o tipo de vivendas unifamiliares acorDadas por vivendas colectivas de baixa densidade sen aproveitamento de baixo cuberta e cunha importante reforestación”, sinalou a edila.
A aprobación definitiva saíu adiante cos votos favorables do PP e SAL e a abstención de BNG e PSOE. En curso continúan outras catro modificacións (SU-8, SU-9, SU-12 e SU-22) tras a aprobación do SU-7 e, agora, do SU-1.