Así é o novo deseño do polígono residencial da Granxa-Dorrón
Por Oskar Viéitez
O Diario Oficial de Galicia publicou este venres o informe ambiental estratéxico da modificación puntual do Plan parcial do Chan Urbanizable SU-8 A Granxa-Dorrón, do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Sanxenxo.
Este informe foi solicitado pola Xunta de compensación deste solo urbanizable.
Respecto ao plan parcial orixinal, aprobado en 2005, esta modificación reduce o aproveitamento lucrativo do ámbito, de modo que a densidade de vivendas pasa de 50 a 30 por hectárea.
Tamén se renuncia ao uso hostaleiro e poténciase o uso residencial en detrimento do comercial.
Ademais créanse uns carreiros peonís que substitúen a algunhas rúas previstas que aínda están sen urbanizar e aumentan as zonas verdes da urbanización.