Convocada folga indefinida nas tendas de Hiperxel a partir do 24 de abril ante o atraso no pago dos salarios
Por Anxo Lourido
O persoal da empresa de conxelados Hiperxel iniciará o vindeiro luns 24 de abril unha folga indefinida, convocada polos tres sindicatos con representación no comité de empresa da compañía Xeldist Congelados, CCOO, UXT e CIG.
Denuncian que a entidade segue sen ingresar as pagas extraordinarias e o salario de marzo, segundo as fontes sindicais. Indican, ademais, que os establecementos se atopan con falta de abastecemento de produtos.
Alertan de que as condicións laborais, económicas e psicolóxicas do persoal chegan a unha situación límite, polo que ven obrigados a iniciar o paro.
A finais de 2022, antes da campaña do Nadal, xa se produciu unha situación similar ata que finalmente a compañía ingresaba as nóminas debidas e fornecía de mercadoría as tendas da cadea.
En Pontevedra cidade hai tres establecementos de Hiperxel situados en Cobián Roffignac, Benito Corbal e na Praza de Galicia.